Site icon Crónica3.com A Mariña

Santín consolida en tan só 3 meses o seu modelo de Partido: renovación, oposición útil e deseño dun novo proxecto político

LUGO, 1 DE FEBREIRO.- O secretario provincial do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo –Juan Carlos González Santín- presidiu este sábado o primeiro comité que celebra a nova dirección do Partido en Lugo, logo da elección de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral dos socialistas galegos. No transcurso do encontro, o dirixente dos socialistas lucenses fixo balance do traballo realizado ó longo destes tres meses, así como unha análise da realidade económica, política e social da provincial e explicou cales son os retos do Partido para o futuro. Neste senso, subliñou que nove semanas serviron para consolidar o modelo de Partido anunciado o pasado 26 de outubro, no congreso extraordinario, e que se basea en tres cuestións básicas: oposición útil, renovación e deseño dun novo proxecto político e renovación para facer un PSOE máis transparente e participativo.

Con respecto ó primeiro destes obxectivos, nestes tres meses, o PSOE empregouse a fondo na súa labor de oposición, presentando en cada asunto, unha proposta. Así:

-En materia de emprego: “fomos a voz de Sargadelos no Parlamento Galego, levando vía moción e proposta, a súa situación a debate. Criticamos e propuxemos”. Asimesmo, os socialistas uníronse para esixir á Xunta de Galicia un plan de emprego real e igualitario para todos. “E dende onde temos responsabilidade de goberno acompañamos esta labor demostrando que si se pode. De aí as súas críticas. A combinación de denuncia máis feitos deixa ó descuberto as súas carencias”, indicou.

Neste senso, Santín subliñou que “somos o único partido con ideas claras en políticas activas de emprego. Fronte o desgoberno da Xunta nesta materia, fronte o seu desapego á provincia e a súa discriminación á hora de repartir os poucos cartos que adican á xeración de emprego, os socialistas fixemos desta situación a nosa maior preocupación. As administracións onde gobernamos manteñen políticas activas que tentan, aínda sen ser directamente competentes na materia, tapar ese oco creado pola pasividade da Xunta de Feijóo”.

Por este motivo, criticou decididamente a actidude do Partido Popular con respecto á realidade laboral en Galicia e, sobre todo, en Lugo. “Pese a ledicia dos ministros, o sorriso bobalicón do Presidente do Goberno, e o coro cacareante das grandes empresas e dos bancos, a nosa realidade diaria queda moi lonxe da mellora que eles din ver. Fronte ós seus supostos datos macroeconómicos, a realidade é contundente: o paro medrou dez puntos e 115.000 persoas dende que Feijóo é Presidente da Xunta. E cal é a resposta do PP para o problema do paro? Criticar a Deputación de Lugo porque loita contra o desemprego. Hoxe hai 271.063 persoas paradas en Galicia e 27.615 persoas sin traballo en Lugo. De verdade que poden sorrir ante datos coma este?. Hoxe, sen ir máis lonxe, Feijoo gábase de mellorías económicas inexistentes, e sorrí… tremenda desfachatez!!… en Valladolid, claro…”. Neste senso, o secretario provincial mantén que “nin os datos macro son una marabilla, nin a realidade das persoas é asumible. O seu truco é sinxelo: os datos que co goberno do PSOE eran catastróficos, con eles, son o inicio da recuperación. Como exemplo, a prima de risco. Alardean de que estea agora –tras levala a cotas non imaxinables- ós mesmos puntos nos que co PSOE poñían o grito no ceo”, concluíu.

Consciente de que hoxe o mundo está interrelacionado a niveis nunca antes vistos e que unha retirada de estímulos da Reserva Federal de EEUU afectará ás economías emerxentes, e que esta afectación temporal repercutirá evidentemente na economía española, pola exposición das empresas nos mercados mexicano ou brasileiro, “digo que as cousas son bidireccionais, e que se se ten claro ese proceso de interrelación, urxe dar unha resposta, un conxunto de propostas na xestión económica do noso Estado, para contrarrestar ou reverter esa exposición débil a calquera acontecemento internacional ou supranacional que poida acontecer e no que non participamos de forma directa hoxe en día. Por iso mesmo, ter unha política clara, decidida e unha voz forte é clave”.

-Medio rural. A este respecto, para González Santín o PSOE é o único Partido centrado avellentamento poboacional e na desaparición paulatina do rural, “por iso incorporamos na axenda política este tema. Defendemos que queremos políticas activas poboacionais, incentivos á produción agropecuaria e un respaldo efectivo ó sector lácteo, pasando pola crítica ó novo acordo da PAC e á censura da nefasta xestión de Alimentos Lácteos, ás propostas sobre despoboamento ó apoio ó sector madeireiro”.

-Sanidade: O Partido Socialista participou en todas as concentracións en contra do repago sanitario; denunciou o modelo de xestión clínica que pretende implantar a Xunta e que provocará o desmantelamento da nosa sanidade, alonxando os servizos das persoas, segregando as mesmas polo lugar onde vivan ou mesmo a orixe que teñan. Asimesmo, tamén criticou a privatización “brutal” que están a levar a cabo os Gobernos do Partido Popular, servizo a servizo, contrato sanitario a contrato sanitario”.

-Dependencia: Neste caso, os socialistas denunciaron o novo baremo da Xunta, “a vía que atoparon para excluír do sistema a máis xente; unha triste forma de aforrar”, ironizou Santín.

-Servizos Sociais: tanto na oposición como no goberno, o Partido demostrou que a administración autonómica está totalmente carente de política clara de servizos sociais. “Hoxe fai, mañá desfai, pasado cambian competencias por decreto e logo voltan a mudalas por Lei do Estado.Fan todo o posible por complicar o tema ca única finalidade de poder privatizar o ata agora sistema público de servizos sociais. De novo, nos teñen en fronte, e demostrando que existe outra forma de xestionar”.

-Dereitos Civís: a xente hoxe reclama na rúa a volta ás políticas dos socialistas. “Que dicir do anteproxecto de lei do aborto?, ou da LOMCE? Ou das becas Erasmus? Soamente que é preciso parar tal involución retomar a senda da cordura”, indicou.

-Medio Ambiente: Resulta evidente que os socialistas se mantiveron unidos fronte a nefasta xestión do canon de SOGAMA, porque tal e como defendeu o secretario provincial, “non toda solución ten que pasar sempre por incrementar os custes ás familias. Para facer iso non fai falla ser bos xestores”.

-Patrimonio Cultural: Para o PP, asegura, isto non existe. Proba delo é que case que nin lembraban que no Piornedo hai pallozas, “como para que respeten e apoien o que estas significan na cultura e idiosincrasia do país…”, afirmou.

Renovación, transparencia e participación
Polo que respecta ó segundo dos criterios, Juan Carlos González Santín lembrou que se creou, por primeira vez, a Secretaría do Militante, co obxectivo de achegar o Partido a todos os socialistas, sendo o traballo en rede o catalizador desta área. Asimesmo, destacou que se mantiveron catro reunións da executiva provincial, unha delas descentralizada, en Fonsagrada, e que se deu un forte pulo ós encontros comarcais, “eixo da vertebración do Partido”.

En total, indicou, celebráronse 21 reunións deste tipo con todas as executivas coas que conta o PSOE na provincia, o que supón máis de dúas reunións por semana. “Sempre volo dixen, a cabeza pensa, onde os pes pisan. Neste tempo, recorremos a provincia, de norte a sur e de leste a oeste, soamente dende o mes de novembro levamos percorridos máis de 4.000 quilómetros. E o que queda de todo iso, son as persoas, as conversas, as realidades; o que queda é o encargo e a nosa responsabilidade de transformar todo iso en propostas políticas, e en ser capaces de ser altavoces de todo iso”, engadiu.

Creouse o servizo xurídico do partido cun custe para o Partido “clarisimamente inferior o todo o que suporía de ser un contrato individual de cada un de nós. Non é para substituír a acción política, senón para complementala cando sexa preciso”, explicou.

Retos inmediatos e proxecto político: “é hora de ser a solución”
Deste xeito, subliñou que a executiva mira ás europeas sen perder de vista a Lugo porque “é hora de ser a solución. Que Europa sexa o inmediato e que se sexa importante non quere dicir que sexa o esencial. Europa é unha realidade a mellorar, un proxecto a construír dende as nosas crenzas, pero Lugo é o que da sentido ás nosas actuacións, veciñais, locais, galegas ou europeas”.

Neste senso, recoñece que o cambio comezado en Galicia grazas ó proceso de primarias, trasládase agora ó Estado. O PSOE, unha vez máis, subliña, “é punta de lanza das reformas políticas, dará cabida ós simpatizantes, con procesos abertos e transparentes, dando así un pulo importante á participación política de toda a sociedade. Un partido aberto para unha sociedade en cambio”. Por este motivo, considera que as vindeiras eleccións europeas son “importantísimas”, pois “hoxe, a maioría da dereita, tamén no Parlamento europeo, xera unha clara dialéctica económica con premisas erróneas. Pon no centro á macroeconomía e os grandes holdings, os lobbies tan importantes en Bruxelas. Tal interpretación e xestión trasládase como correa de transmisión ó noso goberno no Estado, que lonxe de ter un problema con tal situación, o que obtén é a escusa externa perfecta para realizar as súas “reformas”, botándolle gran parte das culpas a esa “unión económica”. Para elo, afirma, “cambiar esas maiorías en Europa significa deixar sen escusa as actuacións do PP. É a forma directa e máis inmediata de facerlles fronte e que recúen neste erro que tan caro nos está saíndo á xente normal. Por unha Europa unida, social e con futuro, soamente podemos defender unha Europa en socialista”, sinalou o secretario provincial, quen tamén aproveitou o encontro para destacar o traballo desenvolvido durante anos o ex Alcalde de Viveiro, recentemente falecido, Melchor Roel.

Outros asuntos do comité
No transcurso do comité tamén se aprobou, por unanimidade, a resolución política para esixir os servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear as 24 horas, co obxectivo de que os cidadáns da provincia non queden discriminados en materia sanitaria, e procedeuse á elección de membros da Comisión Provincial de Listas.

O comité provincial é un proceso que marcan os estatutos do Partido, que fixan a celebración desta xuntanza cada seis meses. Seguindo, precisamente, este marco estatutario, no encontro participaron uns 100 socialistas, entre os que, ademais da comisión da executiva provincial, se atopaban membros da comisión executiva nacional galega que militan na provincia, así como os deputados autonómicos e senadores por Lugo.

Exit mobile version