Site icon Crónica3.com A Mariña

Suárez Barcia considera “unha desgraza para os veciños e veciñas de Ribadeo que non se inicie a obra de construcción da residencia de maiores”

Ribadeo, 3 de febreiro de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que o retraso na autorización que a Xunta debe dar para poder licitar as obras de construción da residencia de maiores sexa unha falsa alarma e non o inicio dunha polémica que nin Ribadeo nin os grupos políticos da Corporación Municipal buscan.

O rexedor referiuse “a esta realidade de ter a día de hoxe consignados, asinados e conveniados coa Deputación Provincial de Lugo 1.828.000 euros para a construción da residencia de maiores en Ribadeo. E vemos que para poder licitar as obras, para poder sacar a concurso as obras, necesitamos unha autorización autonómica, da Xunta de Galicia, e é o que se nos está a demorar dunha maneira inxustificada. De aí que este venres todos os portavoces municipais xunto co representante das asociacións de veciños nos diriximos de maneira urxente á conselleira de Traballo e Benestar para que dunha vez por todas nos dea a autorización e ter luz verde para poder licitar as obras”. Suárez Barcia lembrou que “neste ano 2014 debemos ter executada unha cantidade de diñeiro moi importante, tan importante coma que son 1.028.000 euros. Si a autorización tarda moito en vir, e despois con todo o tempo que necesitamos para licitar as obras, é posible que non poidamos executar todo o que se espera que executemos neste ano”.

O alcalde de Ribadeo considera que “sería unha desgraza para todos os veciños e veciñas deste concello que despois de loitar tanto para ter o diñeiro, e cando temos unha cantidade moi importante non poidamos empezar as obras por non ter autorización da Xunta, cando ademais nos consta desde o punto de vista técnico, é dicir os arquitectos informantes da administración autonómica deste proxecto, nos teñen dito que teñen feito o informe favorable e que só queda que a Xunta o mande ao Concello de Ribadeo para que nós poidamos iniciar as obras”. E engadiu que “ser ou non ser dependerá da actitude de Goberno galego, estaremos á expectativa nos vindeiros días, espero e desexo que isto sexa unha falsa alarma, e non o principio dunha polémica que para nada buscamos desde Ribadeo e desde todos os grupos da Corporación Municipal de Ribadeo”.

Exit mobile version