Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares: “Por que a Deputación está en contacto coa empresa que colocou mal os postes relacionados coa multa de 20.000 euros?”

Cervo, 22 de febreiro de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosouse moi sorprendido este sábado ao coñecer que a Deputación ten nas súas mans a acta dunha reunión relacionada coa multa de 20.000 euros que lle impuxo o Goberno Provincial ao Concello. Unha acta que é pública, e da que dispoñen as tres partes implicadas: o Concello de Cervo, Augas de Galicia e a empresa executora das obras de saneamento da Senra, polas que a Deputación sancionou ao Concello. Polo tanto, calquera que quixese tela e consultala, podería acudir ás dúas administracións a solicitala, tanto a Augas de Galicia como ao Concello.

Pero o máis rechamante é que a Deputación non se puxo en contacto nin co Concello nin con Augas de Galicia para solicitar a acta. Non consta en ningunha das dúas administracións nin un contacto nin unha petición para solicitar dita acta. Polo tanto, queda moi claro como chegou a acta da reunión ás mans do ente provincial. Por iso, Villares pregunta: “Por que motivo a Deputación mantén contactos con esta empresa?” ou “que tipo de relación tivo e ten a Deputación cunha empresa que non foi multada pola colocación duns postes, cando en realidade a sanción recaeu no Concello?”

O rexedor lembra que o Concello de Cervo “nin licitou, nin adxudicou, nin dirixiu a obra nin ordenou onde colocar as canalizacións, nin o cemento, nin os postes”, mentres “a Deputación si que está en contacto coa empresa”, cuestiona.

Da mesma maneira, o mandatario cervense asegura que a acta fai caer, unha tras outra, todas as súas mentiras da Deputación. “Nesa acta a empresa faise responsable da colocación dos postes e asume a súa culpabilidade”, polo que se demostra que “é completamente falso que o Concello dese ningunha orde relacionada coa obra, nin onde situar os postes nin nada de nada”. Polo tanto, queda claro que, “tal e como afirmamos sempre, o Concello non tivo nada que ver con esa obra, máis alá de solicitar o investimento”. “E, por suposto, que o Concello non tiña que ser multado, e a pesar diso, a Deputación dirixiu a sanción ao Concello dende o primeiro momento”, remata o alcalde.

Exit mobile version