O rexedor, acompañado dos edís, tomou como base a acta dunha reunión celebrada o 26 de setembro de 2012 entre o Concello, Augas de Galicia, e a empresa. Unha acta na que a propia empresa asumía a responsabilidade dos erros na obra da Senra e, ao mesmo tempo, se comprometía a pagar a multa de 20.000 euros. De feito, ese mesmo día, a empresa entrega ao Concello un cheque. Pero en realidade, dito cheque se atopaba sen provisión de fondos, polo que o Concello non puido cobralo.
Un cheque que foi amosado aos medios de comunicación que asistiron á rolda de prensa e que comprobaron que foi devolto pola entidade bancaria por non dispoñer de fondos. A partir dese momento, a empresa desapareceu e nin Augas de Galicia nin o Concello puideron contactar con ela.
Pero hai unha administración que, supostamente, si que puido contactar coa empresa desaparecida: A Deputación. “De onde senón obtería a Deputación a acta da reunión de 26 de setembro?” pregunta o rexedor, que deixou claro que a acta é pública, forma parte dun expediente, e que calquera persoa que o solicite podería consultala. “Non consta, nin en Augas de Galicia nin no Concello, ningunha petición para consultar o expediente, polo tanto, só queda unha opción: que a Deputación estea en contactos coa empresa”.
Explicacións
Neste sentido, o rexedor pregúntalle aos responsables da Deputación, e a Lara Méndez en particular, como vicepresidenta segunda, veciña de Cervo e que votou a favor de multar aos veciños de Cervo: “Por que a Deputación é a única administración que si atopa a unha empresa desaparecida e que dá cheques sen fondo?” e tamén “que tipo de relación mantén o Goberno Provincial cunha empresa á que se lle enviaron numerosos requirimentos e que sempre viñeron devoltos por ter un destino descoñecido?”.
“Como é posible que a empresa estea desaparecida para uns e, segundo parece, non para outros?” engade o rexedor, que cualifica de “sospeitosa” esta posible relación entre a Deputación e a empresa. Uns feitos que levan ao Concello a facer outra pregunta: “Esta suposta boa relación entre a Deputación e a empresa tivo algo que ver con que o Goberno Provincial nunca falase da empresa como responsable da mala colocación dos postes?”.
Ou tamén: “Esta suposta complicidade tivo algo que ver con que a Deputación non multase á empresa, a verdadeira responsable?”. Para Villares é “moita casualidade” que “a empresa parecese sempre “intocable”, e descubramos agora que Deputación e empresa manteñen, supostamente, unha estreita relación”.
A multa: pagada polos veciños
Todos estes feitos demostran que o Concello dixo a verdade sempre: “A Deputación multou aos veciños, e a multa pagárona os veciños”. “Por suposto que a administración cervense tentou que a empresa, que se declarou responsable, pagase a multa” afirma o rexedor. “Era a nosa obriga e o noso deber facer pagar a multa e aos responsables, e non con cartos públicos” engade.
“De feito, sempre defendemos que a multa tiña que ir dirixida á empresa, pero por un estraño motivo, a Deputación tivo sempre a un obxectivo claro: o Concello de Cervo” explica Villares. “Buscamos dialogar co Goberno Provincial, apelamos á súa vontade, e só atopamos unha Deputación que multa a uns veciños inocentes, co voto cómplice dunha veciña súa, e vicepresidenta segunda, Lara Méndez”. O alcalde esixe aos responsables da Deputación que dean “as oportunas e necesarias explicacións aos veciños e as moi necesarias desculpas polas insidias calumniosas manifestadas estes días”.