Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobadas as bases para a protección das vítimas de violencia de xénero en Burela na xunta local de seguridade

Lugo, 6 de marzo de 2014.- Os municipios de Cervo e Burela acolleron este xoves cadansúa reunión das xuntas locais de seguridade, copresididas polo subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e polos alcaldes Alfonso Villares e José Gonzéz Barcia, respectivamente. Nestes encontros fíxose unha análise global da situación delincuencial de ámbolos dous municipios, da que se desprende que os delitos experimentaron unha lixeira diminución ao longo do ano 2013, tanto en Cervo como en Burela.

Ademais do subdelegado e os rexedores, nas xuntanzas participaron tamén representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e as Policías Locais de Cervo e Burela.

Análise da situación delincuencial
En Cervo, os datos oficiais correspondentes ao conxunto do ano 2013 revelan unha notable reducción dos delitos rexistrados no municipio. Deste xeito, mantense a tendencia á baixa dos últimos anos neste concello mariñán, destacando especialmente nesta ocasión a reducción dos delitos contra a seguridade colectiva que son tradicionalmente os maioritarios no termo municipal. Trátase sobre todo de delitos de alcolemia ou por conducir sen haber obtido nunca o permiso de conducir.

No caso de Burela, dos datos presentados hoxe da xunta local de seguridade despréndese tamén unha baixada dos delitos, sendo neste caso especialmente significativo o descenso dos delitos contra o patrimonio.

Protección das vítimas de violencia de xénero
A xunta local de Burela aprobou tamén as bases do protocolo de colaboración entre os efectivos da Garda Civil e a Policía Local para o seguemento das vítimas de violencia de xénero, dando así un paso máis no marco deste acordo, ao que o Concello se adheriu na xunta de seguridade celebrada o 6 de febreiro de 2013.

Este protocolo supón a colaboración da Policía Local coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en todo o relativo á execución e seguemento das medidas xudiciais de protección que se impoñen en cada caso, buscando así favorecer a máxima protección das mulleres vítimas da violencia machista.

Exit mobile version