Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera que “O Valadouro precisa un servizo de pediatría no centro de saúde local”

A Asemblea local do BNG (Alfoz-Valadouro) ven de presentar unha proposta de acción conxunta nos Concellos de Alfoz e O Valadouro.

Trátase da demanda dun servizo de atención pediátrica nos nosos centros de saúde, xa que na actualidade a poboación do noso val vese obrigada a desprazarse até Foz para recibir o devandito servizo. “Nos documentos que vimos de presentar en ambos concellos móstrase unha doada solución para que os nenos do val poidan ser atendidos por un pediatra nos centros de saúde de Alfoz e Ferreira”.

A moción recolle a esixencia á Consellaría de Sanidade dun servizo de pediatría no centro de saúde do Concello do Valadouro polo menos un día á semana, e que outro día dispense consulta en Alfoz, tendo a posibilidade de que atenda indiferentemente nenos dun ou outro concello en calquera dos dous centros de saúde, facendo así que a atención pediátrica nos concellos de Alfoz e O Valadouro sexa de dous días á semana.

“Deste xeito, a poboación de cada un dos nosos concellos tería acceso a un pediatra un día á semana no seu centro de saúde, pero en caso necesario podería asistir á consulta do centro de saúde veciño (cómpre sinalar que a distancia entre ambos os dous centros sanitarios é de tan só 4 km.), beneficiándose así de dous días á semana de servizo sanitario pediátrico”.

Os nacionalistas argumentan que “na actualidade as familias con fillos en idade pediátrica teñen que desprazarse até Foz para recibir atención médica especializada. Amais de verse obrigados a percorrer a devandita distancia cos nenos enfermos, acontece que en moitas ocasións as citas previas son concedidas para cinco días despois de ser solicitadas”.

“O feito de non contar con servizo pediátrico no centro de saúde local repercute negativamente, primeiro na atención sanitaria da infancia, pero indirectamente afecta á fixación de poboación no rural, na calidade de vida que ofrece o noso concello a posíbeis novas familias, e en definitiva a un saldo demográfico negativo que afecta ao Valadouro dende hai décadas. É dicir, o feito descrito, necesariamente vai desanimar a aquelas persoas que desexen criar fillos no noso concello, xa que unha carencia tan importante, obrígaos a establecerse nos concellos onde os nenos poden recibir atención sanitaria especializada sen saír do límite municipal”, engaden.

Cómpre salientar que nun Valadouro unificado todo isto sería moito máis doado, a poboación total sería contemplada en conxunto para esixencias deste tipo. Por iso, dende a Asemblea Local seguimos a traballar cara á unificación dos nosos concellos, creando conciencia entre a veciñanza e sometendo a cuestión a debate en todos os foros.

Así pois, agardan que a demanda se formule ante a Consellaría de Sanidade de xeito común polos responsables municipais dos Concellos de Alfoz e O Valadouro.

Exit mobile version