Site icon Crónica3.com A Mariña

5Coruña FS, destino do Burela FS B na 22ª xornada

antonglez-corunha13O Burela FS Pescados Rubén B desprazarase este domingo, na 22ª xornada de Terceira División, á pista do herculino 5Coruña FS coa ilusión de seguir sumando puntos para reducir distancias co liderado, a tan só 2 puntos. O encontro, entre dous equipos nos que prima a xuventude, comezará ás 12.30 horas no Barrio das Flores.

Dende a quinta praza, os laranxas teñen cinco grandes finais por diante para continuar na pelexa do podio; están empatados co cuarto, A Estrada FS (38 puntos), e teñen a terceira praza a 1 punto, nas mans do Concello de Vigo IES Coruxo; o cumio dirímese polo momento entre Leis Pontevedra FS e Santiago Futsal (40 puntos).

A primeira cita decisiva na recta final disputarase na cancha coruñesa, cun rival que dende a 12ª posición mantén moitas similitudes cos mariñáns. “Xogaremos contra un equipo tamén moi novo, que igual ca nós, mellorou na segunda volta. Presiona e defende ben, ofrece un xogo aberto e non sae a especular” definía o técnico burelista, Iván Cao ‘Lucas’. Segundo o preparador un dos hándicaps dos coruñeses é a finalización, algo no que tamén se mostraron certamente irregulares os laranxas ao longo da tempada. “Quen estea más acertado nos últimos metros levará o partido. Creo que se amosamos a seriedade dos últimos encontros teremos bastantes opcións de ser nós os dos tres puntos” concluía Lucas.

O vestiario do Burela FS B non poderá dispoñer de Bruno, que leva dúas semanas de repouso por reincidir nunha fisura do quinto metatarso, nin de Antón Couto, resentido na súa volta ás pistas, a semana pasada, da súa lesión de clavícula.

*Foto: A Caixa Escura Producións.

Exit mobile version