Site icon Crónica3.com A Mariña

8 desempregados da Pontenova comezan a traballar co plan de emprego da Deputación

plan-empregoO Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo un encontro cos novos empregados e cos Alcaldes dos doce Concellos da provincia onde este martes a Deputación arranca o plan de emprego para municipios de menos de 5.000 habitantes que foron excluídos reiteradamente dos obradoiros ou escolas taller da Xunta dende 2009 e que integran a Rede Natura. Esta programación permite a contratación, a través dos municipios, de 80 lucenses no paro, que este martes comezan a traballar nos Concellos, realizando melloras de servizos públicos.

Este plan, dotado de 2 millóns de euros da Deputación, permite crear emprego e mellorar as dotacións públicas nos municipios con menor capacidade económica, combatendo o despoboamento demográfico no rural. Ademais da exclusión reiterada da Xunta de Galicia, o plan vai dirixido ós Concellos con maior taxa de paro, superficie da rede natura e superficie forestal. Polo que os municipios adxudicatarios son: Cervantes, Quiroga, A Pontenova, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Becerreá, A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Pedrafita do Cebreiro, Samos e O Incio. Trátanse de Concellos que forman parte da Rede Natura “que a Xunta mantén no máis absoluto abandono, ó non darlles fondos para que estas zonas sexan protexidas e non queden á marxe do desenvolvemento económico, e que a Deputación de Lugo trata de compensar”.

Os 80 seleccionados traballarán 15 meses, a diferenza dos obradoiros de emprego doutras administracións nos que os desempregados traballan só 6 meses. O número de traballadores por Concello determinouse polo número de habitantes, cun máximo de 11 para Concellos de ata 5.000 habitantes e un mínimo de 4 para os de menos de 500. Os Concellos foron os encargados de realizar os procesos de selección do persoal.

A Deputación asume os custes da seguridade social e as retribucións dos traballadores. Consciente da situación das arcas municipais, o organismo provincial ofrece ós Concellos o adianto do 90% do orzamento que lles corresponde, que a partires de mañá xa o poderán solicitar. As tarefas que levarán a cabo consistirán en obras no medio rural, intervencións en espazos públicos e naturais, medidas preventivas en defensa do medio ambiente, etc. É dicir, priorizarán as necesidades imprescindibles para o benestar dos veciños.

Traballadores e subvención
Cervantes, cunha poboación de 1.593 habitantes, conta con 5 traballadores e unha subvención de 135.075 euros; Quiroga, 3.595 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; A Pontenova, 2.673 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; Navia de Suarna, 1.337 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Negueira de Muñiz, 213 habitantes, 4 traballadores e 108.060 euros; Becerreá, 3.072 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; A Fonsagrada, 4.198 habitantes, 11 traballadores e 297.165 euros; A Pobra do Brollón, 1.968 habitantes, 5 traballadores e 111.792 euros; Ribas do Sil, 1.058 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Pedrafita do Cebreiro, 1.199 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Samos, 1.556 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; O Incio, 1.875 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros.

14 millóns de euros para emprego
A Deputación achega 14 millóns de euros á creación de emprego na provincia no 2014, o triplo que a Xunta de Galicia, xa que, ademais deste plan de 2 millóns de euros, o organismo provincial investirá 3,5 millóns de euros no novo Pacto Provincial polo Emprego, que contribuirá á inserción laboral de 1.000 lucenses no paro; 3 millóns de euros no proxecto coa Escola de Organización Industrial (EOI), que dará emprego a 50 persoas para convertelos en especialistas en innovación; 5 millóns de euros nun novo plan de emprego en todos os Concellos da provincia; 230.000 euros en 50 bolsas Leonardo da Vinci para mozos titulados, ademais das 3 bolsas formativas coas que reforza a Axencia Provincial da Enerxía ou as 2 no sector da cantería e carpintería do Centrad.

Exit mobile version