Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura da Deputación súmase á campaña “Como cho digo ;-)” da CTNL

Lugo, 28 de marzo de 2014. A área de Cultura, Turismo, Ensino, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo suma o seu apoio á campaña pola visibilización do galego na comunicación que acaba de lanzar a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, baixo o lema “Como cho digo ;-)”. “Gustaríame que o galego se visibilizase máis na prensa e que o que digo en galego fose transmitido nesta lingua”, é a declaración que aporta a institución provincial a esta nova campaña da CTNL a prol da lingua galega.

Deste xeito, a área de Cultura reclama unha maior visibilidade do galego nos medios de comunicación e que estes o empreguen, cando menos, para reflectir as declaracións feitas nesta lingua, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para crear información a partir de notas e comunicados redactados no noso idioma propio, etc.

Como explicou o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, “na actualidade somos moitas máis as persoas e entidades que comunicamos con frecuencia en lingua galega do que a imaxe lingüística dos medios transmite, polo que creo que é importante que a prensa amose esa realidade, que o noso idioma non quede así agochado e que teña presenza pública”.

Dende a Vicepresidencia da institución provincial solicítanlle e agradécenlle a todos os medios que teñan en conta esta vontade e que, cando publiquen ou difundan informacións a partir de declaracións, entrevistas, comunicados, conferencias, etc., nas que interveñen representantes desta entidade en galego, esa información, ademais de ser obxectiva e rigorosa, se reflicta na lingua empregada, a galega.

Mario Outeiro agradece á Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua o labor que está a desenvolver, “xa que lingua e a cultura propias dun país son un elemento imprescindible para facer posible o progreso social e o desenvolvemento económico. Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoiamos esta campaña, e o labor da CTNL porque traballa na liña de garantir os dereitos do pobo galego a manter e desenvolverse no seu idioma”.

Exit mobile version