Site icon Crónica3.com A Mariña

A autoridade portuaria Ferrol – San Cibrao baralla dúas medidas provisionais para asumir a funcionalidade do faro de Burela

Burela, 4 de marzo de 2014. O presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, José Villarino, desprazou este martes pola tarde a Burela xunto a técnicos deste departamento para ver desde terra os danos causados polo mar no faro de Burela. Este luns a súa sinal luminosa foi engullida polas grandes ondas e a súa estrutura quedou inclinada. Villarino estivo acompañado polo alcalde burelés, José Mª González Barcia.

O rexedor dixo que “o presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, José Villarino, e técnicos deste departamento estiveron aquí en Burela para facer unha primeira valoración da situación que presenta o faro”. Tamén estiveron na praia Curricán o capitán marítimo de Burela, José Luis Iglesias, o patrón maior da confraría de pescadores burelesa, Basilio Otero, e Pablo Fernández Asensio, coordinador da Consellería de Mar en Celeiro.

González Barcia lembrou que “onte xa se puxo en marcha a primeira medida, que é que a través da canle 16 o Centro de Coordinación do Tráfico Marítimo de Fisterra está a emitir permanentemente que a baliza de Pena Burela está fora de servizo e nos vindeiros días, cando o mar o permita, técnicos da Autoridade Portuaria irán ver o faro, achegaranse ata alí, para coñecer a situación na que se atopa a estrutura que quedou en pé”.

O alcalde de Burela explicou que “se están a barrallar dúas posibilidades para recuperar a sinal luminosa: instalar unha boia ou instalar unha luminaria provisional no que quedou de faro, pero iso dependerá do danada que estea a estrutura que está en pé. Estas son as primeiras medidas a adoptar, tan pronto a climatoloxía e o estado do mar o permita. Hoxe é imposible achegarse á rocha na que está o faro porque habería risco para as persoas. E logo xa a posteriori iranse vendo posibles solucións, pero con carácter definitivo para o faro”.

Para José Mª González Barcia “o interesante é pechar a solución provisional a adoptar, que dependerá da inspección que se realice na rocha na que estaba o faro. A boia que se podería instalar non iría a carón da estrutura actual, senón que iría máis cara ao exterior, é dicir mar adentro. E por outra banda, si a estrutura aguantase colocaríase na parte superior unha sinal luminosa provisional para garantir a seguridade do tráfico marítimo de entrada e saída o porto de Burela”.

O rexedor engadiu: “•hoxe púxenme en contacto coa ministra de Fomento, Ana Pastor, a través do portavoz do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, para facela coñecedora da situación ocorrida onte e para se adopten as medidas que se estimen oportunas por parte dos técnicos da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao”.

O alcalde de Burela agarda que “se adopten as medidas coa maior celeridade posible. Mostra de que así se fará é a visita cursada hoxe mesmo á zona polos seus responsables. Confío plenamente na ministra de Fomento, que xa puxo o asunto en coñecemento de Puertos del Estado”.

González Barcia subliñou que “o espigón da Marosa quedou bastante danado e esa praia é a zona tamén máis afectada polo temporal rexistrado nas últimas horas no mar”.

Exit mobile version