Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro

Cerca de medio centenar de personas acudieron a la presentaciónMadrid, 17 de marzo de 2014.- A Casa de Galicia, delegación da Xunta de Galicia en Madrid, acolleu este martes a presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro, cun acto no que interviñeron Matías Escalera, Julia María Labrador, Xe Freyre, Ramón Reimunde. Ademais tamén asistiron a neta, o bisneto e a tataraneta de Manuel Leiras, María Teresa Contreras Leiras, Fernando Gómez Contreras e Marta Gómez Pérez.

No acto, presidido polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, estivo organizado polo profesor, escritor e crítico, Matías Escalera e iniciouse coa proxección dun breve audiovisual para dar a coñecer e difundir entre o público en xeral de Madrid, -cerca de medio cento de persoas-, os aspectos máis destacados da vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro.

Escalera leu unhas palabras do catedrático de Literatura Española e presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Angel Basanta, que non puido asistir por un problema familiar de última hora e nas que sinalaba o seu “apoio a un grupo, que nun tempo mercantilista como o actual achega unha xenerosa dedicación”.

A coordinadora do grupo, A filóloga, Julia María Labrador, explicou a orixe do grupo, que xurdiu tras un acto que conmemoraba o centenario do falecemento de Leiras, en 2012 e varias persoas desexaban prolongar o interese máis alá dun acto puntual. O Grupo Literario Leiras Pulpeiro foi constituído sobre a súa tumba, a xeito de homenaxe, o 7 de xullo de 2013, por un total de doce persoas: Ramón Reimunde, Xe Freire, Antonio Reigosa, César Morán, Isabel Morán, Fran Bouso, Jesús Chao, Ernesto González, Matías Escalera, Elías Noel Fernández, Julia María Labrador e José Luis Fernández Ansedes. Actualmente intégrano máis dunha trintena de profesionais do mundo das artes, a cultura ou a investigación, e o seu obxectivo foi e segue sendo reivindicar a figura do médico, poeta, político e humanista de Mondoñedo, (1854-1912), e de todo o relacionado coa bisbarra mindoniense.

Nas súas palabras, o historiador Xe Freyre, fixo unha descrición da época e da Galicia na que viviu Leiras, nunha rexión que perdera máis de 900 mil persoas pola emigración e sempre votaba aos liberais para que o representasen no Goberno. “Leiras non era un santo, pero predicaba co exemplo”. Casouse polo Civil, o que provocou unha auténtica tormenta nun Mondoñedo que por outra parte era sede episcopal. Tamén deixou escrito o seu desexo de que o seu enterro fose Civil.

Para Ramón Reimunde, marino e catedrático de Literatura, “a ética sobrevive á estética e 100 anos despois as ideas de Leiras seguen vixentes”, escribiu os seus poemas no galego popular porque para el o máis importante era chegar ao pobo. Sentía un grande amor por Galicia, por a súa lingua, a defensa da muller, a súa preocupación polos que sufrían e eran oprimidos. “Mondoñedo ama a Leiras e se van alí poden comprobalo”, dixo.

O acto rematou coa actuación do cantautor, profesor e escritor, César Morán e a audición do poema de Leiras, “Levádeme”, musicado nos anos cincuenta polo compositor Rafael Rodríguez Albert, cuxa filla Beatriz púxose en contacto coa organización para agasallar este “documento histórico” e tamén acudiu ao acto.

Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, Lugo, 1854-1912), ademais de médico, foi un poeta en lingua galega e castelá moi singular, polo popular e sinxelo da súa poesía e polo extraordinario coñecemento e utilización da lingua galega do seu tempo, sobre todo no léxico. Non tiña ningunha pretensión de notoriedade, pois estaba máis preocupado porque a súa poesía sinxela chegase ao pobo e influíse nel coa súa denuncia das inxustizas sociais, que pola fama literaria.

Como médico, foi coñecido como “o médico dos pobres”, pola súa xenerosidade para coas familias dos traballadores, e exerceu con esmero a súa profesión entre eles en tempos de extrema precariedade. Era fiel ás súas ideas, un home valente, republicano e anticlerical. Na súa tumba, visitada hoxe polos seus seguidores, di o seu epitafio: “Amou a verdade e practicou o ben”.

Exit mobile version