CIG Saúde A Mariña, que fixo público o accidente, alerta de que o contratempo “puido rematar en desgraza a unha hora onde os corredores de consultas estaban abarrotados de pacientes”. Ese sindicato atribúe o ocorrido a que o hospital da Mariña lucense, “con case 30 anos de vida, non se coida”, a unhas políticas neoliberais agresivas, que buscan a deterioración e desmantelamento progresivo da sanidade pública en beneficio da empresa privada así como a unha re-centralización da atención sanitaria nas grandes cidades.
O Hospital mariñao que atende a preto de 70.000 habitantes, necesita con urxencia unha reforma integral e unha ampliación, prometida en máis de nove ocasións por Alberto Núñez Feijóo e que continua sen facerse unha realidade, coa complicidade dos Alcaldes e cargos do PP da Mariña que no seu día defenderon a entrega e o control do Hospital da Costa a Lugo a pesar da forte contestación social de organizacións sindicais, plataformas sanitarias, partidos políticos, agás o PP, asociacións de veciños e outras entidades e organizacións.
A estas horas continua sen arranxarse o teito das consultas, permanecendo unha parte apuntalada por risco de derrubamento pero non obstante non está acordoada a zona permanecendo de libre acceso aos pacientes e traballadores/as.
Ao mesmo tempo hoxe comezan os actos de protesta diante da porta do Xerente do Hospital da Costa, contra a deterioración da sanidade pública, contra as privatizacións de mantemento, electromedicina, esterilización, contra o ERE encuberto na sanidade pública de Galiza e contra a deterioración do Hospital da Costa e os Centros de Saúde da Mariña.