CIG SAÚDE explica que con estas mobilizacións o persoal da sanidade pública manifesta a súa disconformidade coas políticas privatizadoras emprendidas polo PP e a súa disposición a plantarse diante do desmantelamento e descapitalización da sanidade pública.
A central nacionalista acusa ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo de intentar manipular á opinión pública ao dicir que non se está a privatizar a sanidade porque cando unha persoa é atendida nun centro sanitario privado non vai ter que pagar. “O problema é que a sanidade pública, que se financia cos impostos de todas e todos nós si vai ter que destinar parte do seu orzamento a financiar a sanidade privada en lugar de investir eses cartos en garantir a atención na sanidade pública”.
Para CIG-Saúde é “lamentábel” que Feijóo poña ao mesmo nivel sanidade pública e privada e que defenda que a prestación sanitaria recibida nun centro privado tamén é sanidade pública, cando o que isto significa “desmantelar a pública en beneficio da privada”.
Denuncia, xunto a isto, o incremento das partidas orzamentarias destinadas a financiar a privatización dos servizos, pagando un custe maior por eles cunha peor calidade e destruíndo ademais emprego público.
Reclama a inmediata paralización do proceso de privatización do servizo de esterilización e a reversión ao Sergas de todos os servizos privatizados. “Gañariamos en calidade e aforrariamos en orzamento”.
A CIG-Saúde lembra que a sanidade pública e patrimonio de todos/as os galegos/as e fai un chamamento a participar masivamente nas manifestación convocadas o vindeiro día 26 de marzo na súa defensa.