Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Saúde cre que “a Lei de Mutuas do PP avanza na fragmentación e na privatización da asistencia sanitaria”

O pasado 20 de decembro de 2013, o Consello de Ministros aprobaba o “Anteproxecto de Lei de Mutuas da Seguridade Social”. Un texto co que se abandona a tramitación do proxecto de Real Decreto (RD) de reforma da Incapacidade Temporal (IT), tras case un ano de negociacións, e que recibira múltiples críticas, entre elas da CIG-Saúde.

Polo tanto, a CIG-Saúde demanda a retirada do Anteproxecto por considerar que atenta contra os dereitos das e dos pacientes, das e dos traballadores e das e dos profesionais da Sanidade Pública.

O Anteproxecto trata fundamentalmente de tres asuntos: A reforma do réxime xurídico das Mutuas, a modificación da xestión da IT e a creación dun “sistema específico de protección por cese de actividade dos traballadores autónomos”.

A CIG-Saúde lembra que a reforma do réxime xurídico das Mutuas era unha histórica reclamación da patronal e comeza por mudar o seu nome, Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social (MATEPSS), pasando a denominarse “Mutuas da Seguridade Social” ocultando a súa clara dependencia das organizacións patronais.

A modificación da xestión da IT, tal e como apuntaba o RD de reforma da Incapacidade Temporal, supón un claro recorte de dereitos dos traballadores e traballadoras, xeneralizando a presunción de fraude pola súa parte. Non concede ás Mutuas a capacidade de dar Altas de xeito directo, pero establece un mecanismo de resposta ás propostas de alta, con só 5 días para resolver, previndo que en ausencia de resposta producirase a “Alta presunta” por silencio administrativo, co que de feito produciranse Altas con este mecanismo deixando as e os traballadores sen unha prestación sen que medie unha resolución explícita por parte do seus médicos de familia ou dos servizos de inspección do SERGAS.

Ademais incorpora novas competencias asistenciais para as Mutuas que de feito supoñen un novo paso na fragmentación e na privatización da asistencia sanitaria das e dos traballadores. De feito, poderán establecer convenios co SERGAS para adiantar prestacións asistenciais a traballadores de baixa. A CIG-Saúde denuncia que a sanidade pública terá que pagar por eses convenios, cando até hoxe, se adiantaban prestacións, tendo as Mutuas o beneficio da menor duración do proceso de IT.

A CIG-Saúde advirte de que o Anteproxecto pretende regular, tamén, as comunicacións entre todos os axentes que participan na xestión das ITs, médicos de familia, inspección do SERGAS, do INSS e as Mutuas, como se todos estiveran no mesmo plano, pretendendo dar acceso á Historia Clínica Electrónica a todos os actores, incluíndo INSS e Mutuas. “Pervértese así o carácter de ferramenta asistencial da Historia Clínica Electrónica, utilizándoa para conceder ou denegar prestacións económicas”.

CIG-Saúde lembra que así o asegurou o director xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, Agustín Rivero en referencia á futura Lei de Mutuas, que afirmou que o ministerio quixo incluír que os profesionais das aseguradoras poidan entrar nas historias clínicas. “Para xustificar esta medida dixo que así no sistema sanitario non habería que repetir procedementos nin tratamentos”.

Exit mobile version