Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellería de Servizos Sociais de Burela organiza o xoves unha charla sobre ‘A familia como axente educativo’

Burela, 3 de marzo de 2014. O salón de conferencias acollerá o vindeiro xoves, 6 de marzo, ás 11:30 horas unha charla informativa sobre A familia, como axente educativo. Está organizada pola Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade e na mesma participarán profesionais do programa municipal Educando en familia, da unidade de atención temperá e da unidade asistencial de drogodependencias.
Segundo explica a edil Diana Durán “trátase de servizos que traballan coordinados entre si, xa que hai casos que necesitan dos tres programas”.

Desde o programa municipal Educando en familia falarán da importancia que ten a familia nos primeiros anos de vida dos nen@s, onde se constrúen as primeiras aprendizaxes que se desenvolverán ao longo da vida das persoas. O persoal da unidade de atención temperá centrará a súa intervención nos seus obxectivos, nos recursos humanos e materiais cos que conta e a quen vai dirixida a atención que prestan. E no caso da UAD falarán dos itinerarios terapéuticos que deben seguir aquelas persoas que consumen algún tipo de droga, as formas de acceso a esta unidade, os tratamentos e os obxectivos, entre outras cousas.

A concelleira de Servizos Sociais subliñou que “o que queremos é dar a coñecer os recursos municipais dos que dispoñen as familias por si nalgún momento se ten que dar resposta ás súas necesidades nestes ámbitos. Centrarémonos na familia e na infancia”.

Diana Durán e o alcalde, José Mª González Barcia, acudirán a esta charla informativa do vindeiro xoves. A concelleira popular anuncia que estes programas achegarémolos a outros concellos da comarca da Mariña”.

Exit mobile version