Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aprobou a convocatoria de axudas a Cultura e Deporte cun orzamento de 1.170.000 euros

veiga-garciaportoNa Xunta de Goberno da institución provincial deste venres aprobáronse as bases polas que se rexerán as liña de axudas de concorrencia competitiva en materia de Cultura e Deporte que ofrece a Deputación de Lugo, que ascenden a un total de 1.170.000 euros, 540.000 euros destinados a colectivos culturais e concellos para a realización de actividades de índole cultural; e 630.000 euros para os clubs deportivos e concellos lucenses para a realización de actividades deportivas.

No caso das axudas de Cultura, as entidades culturais poderán acollerse a dúas liñas, que son compatibles: realización de actividades eventuais ou actividades anuais. Para as actividades de carácter anual (permanente) o límite da axuda son 8.000 euros e para eventos culturais 6.000 euros. O investimento total para esta liña de axudas son 400.000 euros. Por outra banda, para os concellos hai catro liñas, dúas para a realización de actividades e dúas para investimentos, é dicir: por un lado a realización de actividades eventuais ou de carácter anual, para o que só se poderán acoller a unha delas. Esta liña está dotada con 80.000 euros. Por outra parte están as dúas liñas para a realización de investimentos en infraestruturas culturais ou a adquisición de equipamentos para uso cultural: destas dúas últimas liñas os concellos terían que escoller tamén unha. Esta liña está dotada con 60.000 euros.

En canto ás axudas de Deporte, as entidades poderán solicitar dous de tres tipos de axudas: actividade competitiva prolongada ao longo do ano, até un máximo de 8.000 euros; axudas para a organización de eventos deportivos puntuais, até un máximo de 4.000 euros; e axudas para actividades deportivas non competitivas que se desenvolvan de xeito continuado, até un máximo de 8.000 euros. Por outro lado, para os concellos destinaranse 130.000 euros, dos cales 80.000 euros irán dirixidos á realización de investimentos en infraestruturas e á adquisición de equipamentos, e 50.000 destinaranse para gastos correntes de promoción deportiva.

Neste sentido, Antonio Veiga explicou que “mantemos o mesmo orzamento e todas as liñas de axudas que o ano pasado, tanto en Cultura como en Deporte, o que amosa o noso compromiso co deporte de base e o asociacionismo cultural na provincia”, e fixo fincapé en que “antes de que remate o primeiro trimestre do ano, as nosas áreas xa teñen presentado todas as liñas de axudas en concorrencia competitiva, o que facilita o financiamento das actividades tanto de concellos como de entidades, que cada vez son máis as que solicitan estas subvencións”.

As bases destas convocatorias, nas que se establece que as entidades beneficiarias deberán financiar como mínimo un 5% da súa actividade con recursos propios sairán publicadas no BOP no prazo dun par de días, e as entidades e os concellos poderán solicitar este tipo de axudas deportivas no prazo dun mes empezando a contar a partir do día seguinte da súa publicación.

Exit mobile version