O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo LLano, supervisou este xoves as obras realizadas nos Concellos de Burela, Lourenzá e Barreiros co financiamento do organismo provincial. Entre as actuacións realizadas atópase a construción de dúas pasarelas cubertas para mellorar a seguridade dos alumnos dos Centros Escolares Juan Rey de Lourenzá e San Miguel de Barreiros.
O Deputado supervisou en Barreiros as obras, financiadas polo organismo provincial con 7.000 euros, que serviron para colocar unha pasarela cuberta que comunica dúas instalacións do CEIP San Miguel. Tamén neste caso, trátase dunha actuación solicitada á Deputación pola ANPA deste centro educativo, no que estudan 85 alumnos de 3 a 12 anos, que se puxeron en contacto co organismo provincial despois de que a Xunta lles negase en repetidas ocasións o financiamento para realizar as obras.
En Burela, Alfredo LLano comprobou o resultado das obras de renovación realizadas no local da Asociación Cultural Ledicia e que tamén contaron co investimento da Deputación. En total, nos Concellos de Barreiros, Burela e Lourenzá, executáronse 11 intervencións que contaron cun orzamento total de 79.000 euros.
Con estas actuacións, o organismo provincial atende directamente ás demandas dos veciños, mellorando a súa calidade de vida ó investir en dotacións básicas, ó tempo que aforra cartos ós Concellos pois asume o 100% do investimento necesario. Ademais, con esta medida da institución luguesa actívase a economía local fomentando o emprego, xa que a execución das obras corre a cargo de Pemes e autónomos da zona.