Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación conmemora o Día da Muller coa exposición ‘Todas e unha’ da artista lucense Carmen Granxeiro

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto; a Concelleira Ana González Abelleira, e a artista Carmen Granxeiro, presentou este luns Todas e unha, a mostra coa que a Deputación de Lugo conmemorará o Día da Muller deste ano, e que inclúe traballos realizados por esta artista lucense baixo diferentes disciplinas artísticas.

Durante a presentación, Polín destacou que “a Deputación homenaxeará, un ano máis, a todas e cada unha das mulleres, ofrecendo un espazo de expresión que lles permita dar a coñecer ó público a súa capacidade de creación. A muller é creadora de vida e de arte, e con esta mostra conxúganse á perfección esas dúas facetas”. Sobre a importancia da muller no proceso creador, Polín destacou que precisamente ese espazo ven de acoller unha mostra de tear tradicional, “na que quedou patente o saber e a tradición creativa da que son depositarias as mulleres na nosa provincia e que estas novas xeracións recollen e reinterpretan”. Pola súa banda, Carmen Granxeiro agradeceu a colaboración prestada pola Deputación para a posta en marcha desta obra.

A Concelleira Ana González Abelleira tamén quixo reivindicar o papel da muller e facer un chamamento á toda a sociedade para tomar parte en todas as accións de reivindicación previstas para os vindeiros días.

Contra a lei do aborto
Pilar García Porto destacou que o vindeiro 8 de marzo será unha data “de reivindicación e non de celebración, porque estamos sufrindo un retroceso en liberdades e dereitos civís e sociais”, en alusión á lei do aborto, que “nos volverá situar á cola dos países democráticos no recoñecemento de dereitos ás mulleres”.

García Porto destacou o feito de que a aprobación do anteproxecto de lei “aumentará o número de abortos clandestinos e a desigualdade entre as mulleres que poderán permitirse viaxar a outros países e acceder a un aborto seguro e as que non o poderán facer e terán que interromper os seus embarazos en condicións ilegais e clandestinas”. A Deputada destacou que tendo en conta a precaria situación económica do país, “que está a afectar con máis crudeza ás mulleres – con 2,8 millóns de paradas en España e cuns salarios que descenderon máis do doble do que nos dixo o Goberno, esta desigualdade será máis profunda do que moitos coñecimos xamais”.

A Deputada instou a mobilizarse o vindeiro 8 de marzo en defensa dos dereitos e liberdadas das mulleres en contra “desta lei innecesaria, inoportuna, que só responde ás demandas de dogmáticos e ultraconservadores”, e destacou que “o 8 de marzo mulleres e homes temos que deixar claro que nos negamos a que calquera goberno recorte a nosa liberdade, o máis preciado patrimonio”.

Todas e unha
A mostra da artista Carmen Granxeiro está composta por 24 pezas realizadas con diferentes técnicas que compoñen unha mostra “viva”, tal e como destacou a artista. Materiais cotiás como lá, teas, espellos ou cravos, xunto con instalacións de vídeo, fotografías e paneis, instalados nun espazo monocromo creado con teas, reflicten a intención de Carmen Granxeiro de transmitir ó espectador a sensación dun “pequeno universo”, un “microcosmos feminino dentro dun grande mundo patriarcal”.

A mostra inaugurarase o vindeiró 7 de marzo ás 20:00 horas e permanecerá aberta ata o de marzo, na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, nos horarios habituais: de 9:00 a 19:00 horas de xeito ininterrimpido. A entrada é totalmente gratuíta.

Exit mobile version