Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación denuncia que a suba do canon de Sogama fará pagar 19.500 euros máis de media ó ano ós veciños dos Concellos pequenos

porto-sogamaA Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, denunciou este xoves o “castigo que supón para todos os lucenses” a suba do 34% no canon de Sogama. García Porto destacou que, no caso dos 20 Concellos lucenses que teñen delegado o cobro das súas taxas de recollida do lixo a través do Servizo de Recadación provincial, esta suba suporá que os veciños teñan que facer fronte ó pago de case 1,6 millóns de euros ó ano, o que significará un aumento no gasto medio por Concello de 19.500 euros anuais, “e estes son datos reais, non son estimacións nin cálculos aproximados”.

García Porto explicou que estes 20 Concellos -A Pobra do Brollón; Antas de Ulla; Baralla; Carballedo; Castroverde; Folgoso do Courel; Monterroso; Muras; Navia de Suarna; O Páramo; O Saviñao; O Valadouro; O Vicedo; Palas de Rei; Paradela; Pol; Samos; Sarria; Sober e Trabada-, pagaron un total de 1.177.642 euros en período voluntario no 2013. Se a esta cantidade se lle suma o incremento do 34%, o total resultante son eses preto de 1,6 millóns, “1.578.040, para ser exactos, o que supón 400.398 euros máis ó ano”.

A Deputada destacou que este aumento de 19.500 ó ano no caso destes 20 Concellos, todos eles de menos de 20.000 habitantes, en moitas ocasións non poderá ser asumido polas arcas municipais, polo que “sexa cal sexa a decisión que adopten os Alcaldes, os prexudicados finais serán os veciños. Aumentar o gasto ós Concellos é reducir os servizos ós veciños”. García Porto mencionou exemplos como O Valadouro, que pasará de pagar 66.000 euros a 88.000 euros; O Saviñao, que terá que incrementar o desembolso por este concepto dos 53.000 euros do pasado ano ós 71.000 euros, ou Antas de Ulla, que terá pagar 75.300 euros no canto dos 58.000 que está a pagar na actualidade.

Sogama ten beneficios
García Porto lembrou que o pasado ano Sogama obtivo uns beneficios anuais de 6,6 millóns de euros netos, procedentes de dúas fontes de ingresos principais: a venda da electricidade xerada coa incineración de lixo e a taxa que pagan os Concellos. “Como unha destas fontes de ingresos se reduce, pretenden que os veciños paguen máis para manter o mesmo nivel de ingresos”. A Deputada destacou o feito de que a Xunta “decida castigar ós cidadáns para recapitalizar unha empresa pública que, por outra banda, debería ter coma obxectivo prestar un bo servizo público, non ter beneficios”.

Nesta liña, García Porto lembrou que o propio Goberno da Xunta recoñeceu que, unha vez resolta definitivamente a reforma do sector eléctrico a taxa podería ser incluso maior. “Feijóo debería dicir dunha vez canto quere que gañe este empresa pública”, sentenciou.

Polémica xestión dos residuos
Pilar García Porto destacou que o feito de que Sogama vira reducidos os seus ingresos pola retirada das primas ás renovables e a suba do gas nun 4,4% e un 6,3%, respectivamente, foi o motivo de que “de xeito unilateral, esquecendo os contratos privados que cada Concello tiña asinados con Sogama”, a Xunta incluíra na Disposición Adicional Segunda dos Orzamentos dito incremento do 34%, o que obrigará ós Concellos a pasar de abonar 61,5 a 82,1 euros por tonelada de lixo retirada, “para transportalo a unha planta que, desgraciadamente, só recicla o 8% do que recibe fronte á media do 24% que se está a reciclar na Unión Europea”, o que fai de Sogama “un modelo cunha data de caducidade moi próxima”.

Exit mobile version