Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inicia a segunda fase do proceso de alleamento de accións do CB Breogán SAD

veiga-xuntagobLugo, 28 de marzo de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, que vén de aprobarse a convocatoria do procedemento de venda directa para o alleamento de 30.047 accións da Sociedade Anónima Deportiva Breogán Club de Baloncesto, propiedade da Deputación de Lugo.

Tal e como informou Veiga “esta será a segunda fase deste proceso de alleamento, un proceso que comezou a finais do 2013 . Na primeira fase, na que estaban á venta 74.797 accións do club, adxudicouse un 62,5% das mesmas, o que se traduce en 44.750 accións, polo que nesta ocasión poranse á venta as 30.047 restantes”.

Como na anterior fase do proceso de alleamento, non se realizará ningunha adxudicación cuxa oferta sexa distinto a 1.16 € por acción, e a cantidade máxima de accións que se poderán adxudicar, como limitación inicial, será de 2.000 accións, aínda que, no suposto de que unha vez finalizado o procedemento de adxudicación, as solicitudes de compra non cubrisen o número total de accións ofertadas pola Deputación, poderase aumentar ata a totalidade das accións ofertadas.

Así mesmo, no caso de que as ofertas presentadas superen o número de accións obxecto desta fase do proceso de alleamento, a adxudicación realizarase respectando a orde temporal de entrega de solicitudes de compra.

Segundo explicou Veiga “todas as limitacións que aparecen recollidas nese proceso introducíronse para evitar a deslocalización do club poñendo unhas condicións que priorizan aos accionistas fundadores, aos socios e aos abonados; boa proba do compromiso da área de Deporte da Deputación co Breogán Ribeira Sacra, que a pesares de deixar de ser o accionista maioritario do club, segue a apoiar firmemente a súa actividade deportiva”.

Exit mobile version