Lara Méndez destacou que o plan desprázase ata A Mariña onde se acondicionarán os 666 quilómetros de estradas de titularidade provincial que suman os 14 Concellos da Comarca, unhas actuacións cun custe estimado de 2,4 millóns de euros. A Vicepresidenta Segunda insistiu na aposta da Deputación “pola recuperación e defensa do público xa que con este plan optimízase o uso do parque móbil e afórranse custes ó non externalizar o servizo”.
Os operarios da Deputación están a traballar no acondicionamento da vía CP-2604 entre Xove por O Monte a Valcarría. Nos labores participa un equipo de limpeza, conformado por unha niveladora, un camión e unha retroexcabadora, e un equipo de rego formado por dous camións e unha máquina pisadora. En total, son 9 operarios que revisarán o estado dos viais de titularidade provincial no Concello de Xove.
Finalizados os traballos neste municipio, o dispositivo continuará coa execución do plan noutros Concellos da Mariña ata completar toda rede viaria da provincia. Durante 11 meses os 30 operarios e as 25 máquinas da Deputación que participan neste plan desprazaranse por todos os Concellos lucenses para acondicionar as estradas de titularidade provincial, arranxando con rego asfáltico os puntos quilométricos que o precisen e limpando as cunetas. O plan conta cun orzamento de 15 millóns de euros.