Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclamará a devolución dos máis de 90.000 euros recadados ilegalmente co céntimo sanitario

IMG_5774Lugo, 27 de marzo de 2014.- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este xoves unha xuntanza cos Presidentes das patronais luguesas de transporte de mercancías e de viaxeiros, Carmen Castelao e Luis Abeledo, respectivamente, para apoialos no reintegro do denominado céntimo sanitario. Gómez Besteiro adiantou que o Goberno Provincial aprobará unha moción no Pleno do martes, esixindo ó Executivo central a devolución do recadado ilegalmente con este gravame e á Xunta que cuantifique, xunto cos transportistas, o importe que poden reclamar, e que inicie as xestións necesarias para clarificar as canles para facelo. O Presidente avanzou que a Deputación de Lugo será a primeira galega en pedir o reembolso do céntimo sanitario.

O titular provincial explicou que antes de abril a Deputación reclamará a devolución dos máis de 90.000 euros de cartos públicos que abonou polo céntimo sanitario dende xaneiro de 2010 a decembro de 2012. É o período susceptible de reclamación ata o momento, posto que as anteriores anualidades considéranse prescritas. Posteriormente, a institución buscará o reembolso das anualidades anteriores. En Galicia este imposto comezou a cobrarse en 2004. Gómez Besteiro adiantou que a Deputación tamén informará ós Concellos das medidas que está a aplicar para que as entidades locais tamén poidan reclamar.

Do mesmo xeito, os transportistas de mercancías e de viaxeiros solicitaron antes de abril o reintegro do céntimo sanitario entre 2010-2012. O vindeiro ano pedirán o recadado nas anualidades anteriores. Carmen Castelao calculou que un camión con 150.000 quilómetros ó ano pode recuperar unha media de 6.000 euros anuais. Luis Abeledo sinalou que no caso dos 5.000 vehículos de viaxeiros que hai en Galicia a media é de 3.000 euros.

“Arquitetura fiscal”
O Goberno de Aznar creou en 2002 o chamado céntimo sanitario, un imposto de ventas de minoristas de determinados hidrocarburos, para financiar, supostamente, a sanidade. É un gravame estatal, pero a súa recadación destínase ás comunidades autónomas, que son quen deciden a súa aplicación. A Comisión Europea advertiu en dúas ocasións sobre a súa ilegalidade, abrindo un procedemento de incumprimento xa no 2003. O Executivo estatal ignorou estas advertencias, recadando ata 13.000 millóns de euros de forma irregular dende 2002 ó 2011. Consciente da posible decisión da UE, a finais do 2012 buscou unha solución para facelo legal e integrouno no imposto especial de hidrocarburos, “unha arquitetura fiscal”, destacou Besteiro. Foi entón, cando Feijóo decidiu subir este gravame en Galicia ata o máximo permitido, pasando dos 2,4 céntimos de euro por litro de gasolina e 1,2 polo de gasoil, ós 4,8 para ambos os dous carburantes. Isto supuxo que Galicia sexa a segunda comunidade de España co maior prezo do combustible.

A finais de febreiro deste ano o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou o céntimo sanitario “contrario á directiva europea sobre os impostos especiais por ser redundante coa taxa especial sobre hidrocarburos e non demostrar que estivese creado para desinfectar o seu consumo”, acusando ó Goberno central de perseguir con el “un obxectivo puramente presupostario” e obrigándoo a súa devolución. Nembargantes, só é susceptible de reclamación as anualidades de 2010, 2011 e 2012, posto que as anteriores prescribiron.

Feijóo desenténdese e Montoro ameaza con sancións
Aínda que todos os cidadáns teñen dereito a súa devolución, é preciso contar coas facturas das gasolineiras, non sendo válidos, nin tan sequera, os pagos realizados con tarxeta malia contar cos correspondentes xustificantes bancarios. Polo tanto, só os profesionais do transporte, que adoitan conservar estas facturas, poden reclamar. Os trámites para facelos son moitos e complexos. E ante esta situación, a Xunta desenténdese, asegurando que “é o Estado, non a administración autonómica, a que debe responder”, tal e como asegurou Feijóo, “poñéndose de perfil, aplicando a súa política de retrovisor e dando as costas ós damnificados”. Pola súa banda, o Goberno central limitouse a colgar na páxina web da Axencia Tributaria un formulario de solicitude de devolución, a asegurar que non devolverá nin un só euro ata que a Comisión Europea lle “aclare dúbidas” e ameazar con “sancións se se presentan solicitudes indebidas”, tal e como dixo o Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro.

Acordos da proposta
Coa proposta que Gómez Besteiro levará ó vindeiro Pleno, posposto para o martes 1 de marzo debido ó loito oficial, a Deputación instará á Axencia Estatal Tributaria a devolver o céntimo sanitario por ser un ingreso indebido e declarado ilegal por parte do Tribunal de Xustiza da Unión Europea; reclamará á Xunta de Galicia que cuantifique, de acordo coas asociacións de transportistas, cal é o importe do gravame susceptible de ser reembolsado; esixirá a Feijóo que inicie as xestións necesarias para garantir o reintegro do Imposto de Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos no menor tempo posible, clarificando as canles necesarias para solicitar o seu reembolso; e pedirá o apoio dos membros da Corporación Provincial para que a institución recupere os cartos públicos que achegou ó cobro do céntimo sanitario.

Exit mobile version