Site icon Crónica3.com A Mariña

A mesa de contratación abriu as ofertas das 19 empresas presentadas para construír a residencia de maiores de Ribadeo

Ribadeo, 28 de marzo de 2014. A mesa de contratación do Concello procedeu na tarde deste xoves a abrir as ofertas económicas das 19 empresas que se presentaron para construír a residencia de maiores. Segundo o alcalde, Fernando Suárez, “aínda non podemos dicir quen é a empresa adxudicataria”. Os técnicos seguen a traballar.

O rexedor explicou que “no día de onte a mesa de contratación, da que formamos parte os técnicos do Concello e representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal, abrimos as ofertas económicas das 19 empresas. Pero aínda a día de hoxe nos podemos dicir cal é a adxudicataria, posto que analizados todos os cálculos hai dúas firmas que están nos supostos que marcan os pregos de condicións coma ofertas anormales ou desproporcionadas”.

Suárez Barcia indicou que “agora nestes días imos requerelas para que xustifiquen esas baixas ou esas propostas de mellora, que exceden do que é a media de todas as demais. É moi precipitado decidir agora quen vai ser o adxudicatario final desta residencia, pero non perderemos un só minuto nos trámites e estamos deixando traballar aos técnicos para que valoren e avalíen polo miúdo cal vai ser a mellor das empresas, para que logo o pleno da Corporación Municipal lle dea o plácet e lle dea a adxudicación desta obra tan importante para Ribadeo”. O alcalde ribadense lembrou que “de momento está a ser financiada na súa meirande parte pola Deputación Provincial de Lugo e nunha parte menor, pero non menos importante, polo Concello de Ribadeo, xa que a día de hoxe seguimos sen ter noticias do convenio comprometido pola Xunta de Galicia para asumir os 500.000 euros pendentes”.

Exit mobile version