Site icon Crónica3.com A Mariña

A muller focega

O matriarcado que caracteriza ó noso país irrumpeo na vida galega en época remota e nunca deixou de rexir a historia de Galicia e o destino de cada galego. Di Martínez Barbeito que “o mais fondo do ser da terra, dende a paisaxe á música e a fala, todo aquí aparece baixo un tinte feminino”. Moito do producido polo xenio indíxena débese ás mulleres: Egeria, monxa viaxeira e escritora do s.IV; Agape, gran axitadora do priscilianismo; María Balteira, xoglaresa do s.XIII; María Pita, heroína contra os ingleses en 1589; Isabel Barreto, descubridora e navegante; as raíñas Juana e Inés de Castro; a poetisa Condesa de Altamira…son bós exemplos nos tempos antigos. No s.XIX , as catro mulleres mais ilustres de España foron Concepción Arenal socióloga, penalista e pensadora; Rosalía de Castro voz, gorxa e alma de Galicia; Pardo Bazán, novelista, sabia e crítica xenial e Juana de Vega, mente política, e anxo da caridade….Tense dito que en Galicia os grandes homes eran…mulleres. Pero a carón destas, moitas de non menor entidade espiritual, e miles de oscuras mulleres galegas, que son a alma e o corpo do fogar. “Mulleriñas – dí o autor – ás veces insignificantes ó exterior, pero moralmente grandes, que levan a dirección da familia e a miúdo tamén a responsabilidade do sostemento económico…”. Foz non é a excepción, e os focegos, que vivimos boa parte do século XX, somos testemuña de ata onde chegaba, en tempos de penuria suprema, a capacidade de sacrificio, privacións , e de esforzo, das mulleres do noso pobo. Non precisou o cronista saír do niño materno para descubrir a grandeza da muller focega traballadora, emprendedora, abnegada e xenerosa; a matrona que criando once fillos gastou os seus días nunha constante entrega ó traballo,e á arriscada iniciativa. Dixo o poeta: ”aunque no sé tu nombre/ ni si eres linda o fea/ con flores deja que tus pies alfombre,/ que para honrarla el hombre/ bástale a la mujer que mujer sea” No “Día Mundial da Muller” chegue a tódalas focegas, nestas ainxelas verbas, a expresión da nosa humilde homenaxe.

Suso Fernández.

Exit mobile version