Site icon Crónica3.com A Mariña

A ruta literario dedicada a Francisco Fernández del Riego converterase en permanente co apoio da Xunta

310314 FOTO REUNIÓN EMMA ALVAREZ CON ANXO LORENZOLourenzá, 31 de marzo de 2014. O Concello de Lourenzá contará co apoio da Xunta de Galicia para converter en permanente a ruta literaria dedicada a Francisco Fernández del Riego, que se fixo por primeira vez o ano pasado. Este proxecto foi presentado pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a quen lle pareceu unha iniciativa interesante.

A rexedora municipal explicou que esta ruta literaria “fixémola o ano pasado por primeira vez coincidindo con Día das Letras Galegas e dentro do programa de actos do 2013 como ano dedicado a Don Paco por ser o centenario do seu nacemento. Esta ruta tiña aproximadamente tres quilómetros de lonxitude e pasaba por distintos lugares emblemáticos na vida de Don Paco mentres estivo vivindo aquí, no noso concello, e recollía tamén pasaxes que el escribiu sobre eses lugares”.

Emma Álvarez comentou que “a idea pareceulle interesante ao secretario xeral e mostrou o apoio da Xunta de Galicia para levar a cabo esta iniciativa. Faremos un proxecto máis concienciudo e trataremos de conseguir os permisos de Patrimonio para poñer os indicadores. Hai que ter en conta que se trata dunha zona de afección por un ben de interese cultural e por ese motivo necesitamos saber moi ben que materiais se poden utilizar e como se vai facer o deseño desta ruta. O que si podemos adiantar e que grazas á Consellería de Cultura, da Xunta de Galicia, poderemos ver feita realidade esta ruta e, si é posible, antes de que remate este ano 2014”.

Exit mobile version