Site icon Crónica3.com A Mariña

A vindeira semana volven ás parroquias ribadenses os obradoiros “Aquí, como de 20”

Ribadeo, 27 de marzo de 2014.- A vindeira semana volven ás parroquias ribadenses os obradoiros Aquí, como de 20. As actividades desenvolveranse durante os meses de abril, maio e xuño en Remourelle, Cinxe, Vilaosende e Vilaframil.
A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que “no Concello de Ribadeo seguimos coa actividade que nós denominamos Aquí, como de 20 e dixemos no momento en que a presentamos que o obxectivo é tratar de dinamizar as parroquias do noso concello e acercar a cultura e o ámbito da igualdade á cidadanía que vive no medio rural. Para iso comezamos a facer unha serie de talleres en catro parroquias a modo experimental. A resposta foi moi positiva e iniciamos polo tanto agora unha nova andaina”. As primeiras parroquias nas que houbo estas actividades durante os últimos meses do pasado ano foron: Cedofeita, As Anzas, Rinlo e Vilaselán.

A edil nacionalista lembrou que “naquel momento dicíamos que o noso obxectivo era a continuidade, perpetualo e dar opción a todas as outras parroquias que quixeran probar e participar deste tipo de actividades. A experiencia puxémola en práctica, deu bo resultado e iniciamos polo tanto unha nova quenda”.

Álvarez Lastra subliñou que “estas Tardes de Lecer son dúas horas de actividades en cada unha das parroquias ás que lles toca nesta quenda. Comezamos a semana que ven e será dende abril ata o mes de xuño ininterrompidamente e teñen un compendio de obradoiros alongados no tempo: para traballar a memoria e a autoestima, recollida de lendas, contos e cantigas, intercambios entre unhas persoas e outras e tamén actividades físicas, de baile e manuais. Isto permite algo moi importante como é ter a posibilidade de relacionarnos coas persoas que viven no noso entorno máis próximo, que se non é porque hai un unha proposta de actividades seguramente cada un está na súa casa e non existe este tipo de relacións sociais”.

A concelleira de Igualdade explicou que “os lugares onde se vai levar a cabo esta iniciativa neste trimestre son Remourelle, Cinxe, Vilaosende e Vilaframil. Comezaremos o día 2 de abril en Remourelle e en Cinxe, en horario de 16:15 a 18:15 na escola de Remourelle e de 18:30 a 20:30 na escola de Cinxe. E o 4 de abril (venres) será a quenda de Vilaosende e Vilaframil. No teleclube de Vilaosende en horario de 16 a 18 horas e na escola de Vilaframil de 18:30 a 20:30”.

Mariluz Álvarez Lastra engadiu que “todos aqueles veciños destas parroquias poden acudir pero non está pechado e polo tanto calquera persoa que pertenza ao casco urbano de Ribadeo ou a calquera das outras parroquias do noso concello que queira pode incorporarse a esta actividade porque é totalmente aberta e gratuíta. O que si é bo é que chamen ao Centro de Información á Muller, ao 982.120.739, para inscribirse e así saber os materiais que hai que levar para o número de persoas que desexa participar. Pero aquelas persoas que se esquezan de chamar tamén poden participar dende o venres 4 de abril en Vilaousende e Vilaframil, mentres que en Remourelle e Cinxe comeza o día 2 de abril, mércores”.

Exit mobile version