Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinou máis dun millón de euros para a modernización do comercio de proximidade na provincia

Lugo, 31 de marzo de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou a aposta do Executivo galego “pola mellora do comercio de proximidade da provincia de Lugo”, para o que nos últimos meses destinou máis de un millón de euros.

As axudas concedidas pola Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, tiveron por obxecto, segundo explicou Arias, “potenciar os Centros Comerciais Abertos (CCAs) e as prazas de abastos do territorio lucense, pero tamén impulsar a mellora das zonas comerciais de distintos concellos da provincia”.

Neste sentido, a delegada recordou que o departamento de Economía e Industria ten aberta estes mesmos días unha nova convocatoria de axudas, dotada con tres millóns de euros, para apoiar aos concellos galegos de cara á mellora competitiva do comercio de proximidade.

“O obxectivo é impulsar a competitividade do comercio de proximidade, dentro da estratexia específica da Xunta de apoio ao sector comercial como unha das claves para a reactivación da economía das vilas e cidades galegas”, expuxo Arias.

Melloras en espazos de mercados tradicionais
A representante do Executivo galego incidiu en que, mediante a convocatoria de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 21 de abril, os municipios poderán optar “a axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica”.

As axudas do programa alcanzan con carácter xeral o 75% dos investimentos apoiables, primándose os proxectos de xestión compartida cun incremento dun 15% na porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios municipios.

Así mesmo, no tocantes ás axudas prazas de abastos, “os municipios poderán optar a axudas para a súa modernización de ata 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria”, co obxectivo de consolidar estes mercados como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

Como novidade, os concellos que queiran desenvolver estes proxectos de mellora, que poden incluír ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario dos mercados actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros, deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros.

Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, estarán encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

Actividades orientadas á promoción
Neste sentido, apóiase con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como nos principais eixos comerciais dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Con esta convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva activados no que vai de ano programas de axudas por máis de 6,5 millóns de euros para impulsar o sector comercial e mellorar a súa competitividade.

Así, vén de poñerse en marcha a orde destinada a apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, dotada con 800.000 euros, e que se suma á convocatoria destinada ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos, con 2,2 millóns de euros e en fase de resolución.

Ademais do impulso ao asociacionismo comercial, outro dos eixos nos que incide a Consellería de Economía é o emprendemento comercial, cun novo programa para a apertura de novos establecementos comerciais que conta cunha dotación inicial de 500.000 euros, e que está aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de xuño.

Exit mobile version