Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta incrementou en dous anos nun 35% o investimento en axuda á dependencia nos concellos da Mariña

Lugo, 5 de marzo de 2014.- A Xunta de Galicia incrementou nun 35% a axuda ás persoas con dependencia nos concellos da Mariña nos últimos dous anos. Así o explicou este mércores a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, no marco dunhas xornadas de actualización dirixidas ao persoal dos servizos sociais municipais que traballa no programa de dependencia en coordinación coa Consellería de Traballo e Benestar.

Arias afirmou que durante o 2013 a Xunta de Galicia distribuíu entre os concellos da Mariña 1.844.585 euros para atender ao servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, isto é, 480.760 euros máis que no 2011.

Igualmente, medrou nun 31% o número de horas de atención subvencionadas na comarca. A Consellería de Traballo e Benestar adxudica a cada municipio un número determinado de horas de atención co correspondente investimento, que os servizos municipais asignan aos usuarios segundo unha lista priorizada por graos de dependencia.

Na xornada de actualización que tivo lugar este mércores na aula Cemit de Barreiros participaron 20 traballadores sociais de 16 concellos da Mariña máis Meira e A Pastoriza, e foi impartido por técnicos informáticos e persoal do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal da Delegación Territorial de Lugo.

Raquel Arias gabou “a axilidade coa que se xestiona o servizo na actualidade” e aplaudiu “a implicación de todo o persoal tanto da Consellería como dos concellos, porque a tecnoloxía facilita a eficiencia, pero esta só se alcanza coa vontade das persoas”.

Ao respecto, a delegada destacou o labor dos traballadores e traballadoras sociais dos concellos, que son “o punto de referencia dos usuarios, os profesionais que reciben e fan seguimento dos casos, e que están sempre en contacto con beneficiarios e facilitando a xestión dos procedementos en todos os ámbitos dos servizos sociais, e moi especialmente no da dependencia”.

Unha aplicación informática permite á Xunta e aos concellos estar permanentemente coordinados. A Consellería de Traballo realizou en xaneiro do 2012 importantes melloras neste programa, que se traduciron en notables avances na calidade do servizo.

O programa de asignación de recursos outorga aos servizos sociais municipais autonomía para xestionar as altas e baixas da lista do seu concello, que poden realizar coa máxima axilidade. Ademais, reciben as transferencias económicas da Xunta trimestralmente, mentres que antes eran tramitadas anualmente.

O seminario, que se impartirá tamén noutras comarcas da provincia, foi organizado para actualizar os coñecementos dos traballadores sociais sobre a xestión do sistema informático de información da atención á dependencia: asignacións de altas e baixas, a creación da nómina ou xestión de incidencias, entre outros contidos.

Exit mobile version