Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta oferta preto de 500 prazas nas súas escolas infantís da Mariña para o vindeiro curso

Alfoz, 3 de marzo de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou este luns en Alfoz nas celebracións con motivo do Entroido que se desenvolveron na escola infantil da localidade, incluída dentro da Rede A Galiña Azul que xestiona a Administración autonómica. A delegada disfrutou desta festa, organizada en colaboración co concello, xunto cos familiares dos nenos e nenas e o persoal da gardería.

Na súa visita, acompañada polo alcalde da localidade, Emilio Lousas, Arias destacou que nestes momentos a Xunta de Galicia ten precisamente aberto o prazo para solicitar de cara ao curso 2014-15 unha das preto de 500 prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos existentes nas escolas infantís da comarca da Mariña incluídas na devandita rede autonómica.

A delegada territorial significou “o incremento” de prazas neste eido dentro desta comarca, na que nos últimos catro anos “se pasou de 379 prazas Á actual oferta de 481, incrementando con 102 prazas máis a oferta a disposición das familias da comarca con fillos menores de 3 anos”.

No curso actual, á rede de escolas infantís A Galiña Azul sumouse a de Alfoz, elevando a 8 as escolas infantís abertas nesta zona pertencentes a esta rede sostida pola Xunta. Os centros atópanse nos concellos de Foz (2), Alfoz, Burela, Mondoñedo, O Valadouro, Ribadeo e Viveiro.

Así mesmo, recordou Arias, o Goberno galego ten en planificación outra escola nova para esta comarca, en Burela, que contará con 41 prazas. Esta escola, xunto con outra na propia cidade de Lugo, que terá 82 prazas e se construirá no marco dun convenio coa Fundación Amancio Ortega, son as dúas coas que está previsto incrementar a oferta na provincia.

Prazo de matrícula
Arias referiuse a que o prazo para a presentación de solicitudes de renovación de praza ou de novo ingreso para o vindeiro curso escolar será ata o 21 de marzo inclusive. A resolución cos prazos e o lugar de presentación das instancias pode consultarse a través da web www.escolasinfantis.net ou no propio centro, onde se queira matricular ao neno ou nena.

As listas provisionais de admitidos publicaranse o día 2 de maio e as listas definitivas, o día 27 de maio. O prazo para formalizar a matrícula dos nenos e nenas admitidos será dende o 28 de maio ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos. O curso está previsto que comece o 4 de setembro.

A representante do Executivo galego expuxo que a oferta total da Xunta para o curso 2014/2015 na provincia de Lugo ascende a 933 prazas (en 17 escolas), o que representa “un aumento de arredor dun 40 por cento de prazas públicas con relación ás que había no ano 2009”.

Novidades na presente convocatoria
A orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís inclúe algunhas novidades. Así por exemplo, no baremo para nenos e nenas que solicitan praza por primeira vez nunha escola a puntuación otorgada a cada pai e nai en situación laboral de ocupación increméntase, pasando de 5 a 6 puntos. É preciso lembrar que xa o ano pasado este baremo incrementouse nun punto.

Tamén no que respecta ao baremo, outorgaránselle, como novidade, 3 puntos aos beneficiarios dunha Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que se atopen no tramo de inserción, co fin de dar cumprimento á Lei de Inclusión Social de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro deste ano e co obxectivo fundamental de facilitar a vida laboral e familiar ás persoas perceptoras de RISGA.

Así mesmo, as familias cunha renda pér cápita igual ou inferior aos 7.500 euros anuais beneficiaranse dunha exención total de cota a partir do segundo fillo que acuda á mesma escola infantil.

Destacar tamén que se inclúe o suposto de enfermidade grave para xustificar a necesidade de que un neno ou nena asista á escola infantil en períodos en que os centros permanecen pechados. Ata agora a xustificación desa necesidade era unicamente por motivos laborais.

Exit mobile version