Ribadeo, 21 de marzo de 2014. A Asociación de Comerciantes, Industriales, Servicios e Autónomos de Ribadeo celebrará esta noite o seu 25 aniversario nun acto no que reunirá a algúns dos socios fundadores, aos ex presidentes do colectivo, a autoridades e a representantes das Acias da comarca da Mariña.
O Parador de Turismo acollerá a partir das 21 horas o acto oficial do 25 aniversario, no que intervirá o presidente de Acisa, Roberto Rivas; a continuación proxectarase un vídeo conmemorativo; despois terán lugar os discursos das autoridades que acudirán á cita: Sol Vázquez, a directora xeral de Comercio da Xunta; Antonio Veiga, vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo; Lara Méndez, vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo; e Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo. Tralas intervencións Acisa entregará a súa insignia do 25 aniversario ós socios fundadores e ós ex presidentes da asociación. Recibirán dita insignia: Ignacio Oñate, Mª del Carmen Mon, Antonio Andina e Miguel Díaz (como socios fundadores), Andrés Tojal, Pablo Vizoso, Gervasio Cao e Francisco Iriarte (como ex presidentes de Acisa).
Ó 25 aniversario de Acisa asistirán tamén o presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, Alfonso Fuente, e o conselleiro delegado territorial da CEL, Ángel Hermida, entre outros, ademais de representantes das Acias da comarca mariñá.
Unha vez teña concluído o acto oficial do 25 aniversario dará comezo a III Cena de Acisa na que se entregarán os premios ribadense e socio do 2013 a Andrés Tojal e Jesús Carreira, respectivamente. Tamén recibirán os seus premios os gañadores do concurso de escaparates de Nadal: El Rincón del Gordo, Bora Bora, Glass, Guidán Delicatesen e Bodegas Ribeirao.
Máis de 100 persoas daranse cita esta noite para arroupar á Asociación de Comerciantes, Industriales, Servicios e Autónomos de Ribadeo nesta celebración.