Site icon Crónica3.com A Mariña

AGE Ribadeo organiza un acto público sobre a modificación da Lei do Solo

As persoas que forman parte do Grupo de apoio á AGE en Ribadeo convidan á cidadanía mariñá a participar no acto público sobre o proxecto de Lei do Solo que presentou o Goberno da Xunta de Galiza, e que se está a tramitar no Parlamento galego.

Desde a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), tense valorado que o proxecto de lei do solo que presentou o goberno do PP vai promover o desenvolvemento insostíbel e depredador do territorio. A norma liberaliza e facilita o libre albedrío dos especuladores, porque as novas disposicións normativas sobre o solo rústico e o solo de núcleo rural abren a porta á sistemática destrución do medio rural iniciada polo Goberno de Núñez Feijóo. O proxecto elimina o solo rústico de protección agropecuaria e desprotexe o solo destinado á produción de alimentos, cando debera dar prioridade ao uso agrícola nun país que gasta 900 millóns de euros anuais en alimentos de fóra.

Ademais, o proxecto de lei afasta o poder de decisión dos concellos, que cada vez terán menos voz para decidiren sobre as actividades mineiras ou eólicas nos seus territorios. A tramitación de plans especiais farase de acordo coa lei de ordenación do territorio e non co previsto no proxecto de lei do solo; máis doado para os intereses da Xunta: os proxectos sectoriais apróbaos a Xunta e os plans especiais, os concellos.

A norma tamén crea inseguridade xurídica. Este proxecto de lei non derroga a Lei 9/2002 [LOUG], xa que a súa disposición derrogatoria refírese unicamente a ‘a cantos preceptos de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei’, sen mencionar á LOUG; deste xeito van concorrer dúas normas de igual rango normativo, a LOUG e a nova lei. De non corrixirse tal erro xurídico, a inseguridade xurídica e o caos interpretativo vai ser enorme, a beneficio da discrecionalidade e a interpretación mais favorable aos intereses particulares.

O acto público vai ter lugar o xoves día 27 de marzo, ás 20.30, no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, e contará coa participación de Margarida Prieto, coordinadora da loita contra a megaminería no Sindicato Labrego Galego e de Antón Sánchez, deputado de AGE no Parlamento de Galiza.

Exit mobile version