Site icon Crónica3.com A Mariña

Alonso Montero, Franco Grande e dúas netas do poeta mindoniense serán membros de honra do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”

Membros do GLLP con parentes de LeirasO salón de actos da Casa da Xuventude de Mondoñedo acolleu no serán do venres a presentación do GLLP. Entre o público atopábanse dúas netas de Manuel Leiras Pulpeiro, Maricarmen e Josefina que, xunto co editor do médico e poeta Xosé Luís Franco Grande e o presidente da Real Academia Galega serán nomeados membros de honra do colectivo literario. Tamén asistiu ao evento un bisneto de Leiras.

No transcurso do acto os coordinadores do GLLP, Julia María Labrador e Fran Bouso comentaron como xurdiu a idea para a súa creación e os obxectivos do mesmo entre os que destaca o estudio da vida e a obra de Leiras e a súa divulgación.

O acto tivo un apartado musical moi destacado. O profesor e músico César Morán presentou novos temas musicais inéditos compostos a partir de versos do poeta mindoniense e tamén interpretou “Roseiras de rosas roxas”, “o imno do grupo”, como comentou Fran Bouso. Morán estivo acompañado na súa actuación pola violinista mindoniense Rebeca Maseda que tamén forma parte do GLLP. A Coral “Mestre Pacheco”, dirixida por Xulia Nogueira, estreou cinco pezas compostas por Xan Carballal a partir de poemas de Leiras. O coro contou co acompañamento instrumental de zanfona, acordeón e arpa.

O catedrático de lingua e literatura galegas, Ramón Reimunde Noreña foi o encargado de facer unha semblanza do escritor.

O acto comezou coa proxección dun video elaborado por Fran Bouso no que se facía un repaso ás actividades realizadas ao longo do ano pasado.

Novos membros
As seis e media da tarde no Cemiterio Vello de Mondoñedo “asinaron en branco” sobre a tumba de Leiras Pulpeiro os novos integrantes do colectivo. Trátase do profesor de filosofía Miguel Freire Sánchez, a xornalista Soledad Michelena e o arqueólogo Abel Vigo.

Actividades previstas
Ademais das xa anunciadas presentacións do Grupo en Lugo, o 14 de marzo e tres días máis tarde na Casa de Galicia en Madrid, anunciaron que están en contacto con diferentes organizacións mindonienses para realizar actividades culturais e literarias. Unha delas, en colaboración coa Comisión de As Quendas e As San Lucas será un programa denominado “Mondoñedo é poesía” no que participarán diferentes poetas galegos que recitarán os seus versos polas rúas e prazas de Mondoñedo durante as As Quendas deste ano.

Exit mobile version