Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias subliña en Cervo o esforzo da Xunta por dinamizar as asociación de mulleres financiando actividades

Lugo, 12 de marzo de 2014.- A delegada territorial, Raquel Arias, subliñou en Cervo o esforzo que realiza a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, por dinamizar o movemento asociativo feminino e incrementar a participación das mulleres en todos os eidos da vida pública, social e cultural.

No caso deste municipio, a Xunta de Galicia colaborou coas asociacións Espalladoras e Mulleres de San Ciprián para a posta en marcha e desenvolvemento de distintas actividades. En concreto, ao longo dos últimos meses véñense impartindo ximnasia de mantemento, talleres de manualidades, obras de teatro e distintas actividades deportivas. Así mesmo, desenvolveron un curso de cociña saudable.

A delegada territorial da Xunta, que mantivo unha reunión con representantes destas asociacións cervenses, indicou que este impulso “reflicte a aposta do Executivo galego por fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres e por impulsar medidas que permitan conciliar a vida familiar e a laboral ás mulleres dentro da nosa comunidade”.

A delegada falou coas asociacións do importante papel que estas deben xogar para incidir “nunha maior igualdade, en máis oportunidades laborais para as mulleres e, en definitiva, en beneficios para toda a cidadanía, fomentando unha sociedade igualitaria”.

No conxunto da provincia, son un total de 20 as asociacións de mulleres e entes de Lugo cos que colabora a Xunta para a realización deste tipo de actividades. As axudas distribuídas céntranse en catro liñas de actuación: Consolidación do movemento asociativo, investigación e recuperación da historia das mulleres, promoción de hábitos de vida saudable e promoción de accións de prevención da violencia de xénero e atención as vítimas.

Exit mobile version