Site icon Crónica3.com A Mariña

‘As do peixe’ e arquitectura móbil no Hernán Naval dentro da programación ‘Marzo en lila’

O domingo 16, e dentro da programación MARZO EN LILA que organizan conxuntamente o CIM e a Concellaría de Cultura, Ribadeo acolle dúas propostas arredor da muller.

Por unha banda, Abrapalabra Creacións Escénicas presenta a obra escrita por Cándido Pazó e dirixida por Cristina Domínguez, As do peixe, no auditorio Hernán Naval ás 20.30 horas cunha entrada de 5 euros ou 3.5 euros as reducidas (para persoas desempregadas, estudantes e xubiladas).

Trátase dunha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva, baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas a partir dos anos setenta e contada desde o momento actual. O elenco está formado por Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González.

E ao ir ver a función, na entrada do auditorio atoparase a segunda intervención artística do alumnado de 1º da ESO de Educación Plástica do IES Ribadeo dentro do ciclo titulado A TRAVÉS DA MIRADA.

“Empregando formas simbólicas fan unha especie de arquitectura móbil, creada coa superposición ou alineación do hexaedro, considerado o sólido platónico que representa a terra coa súa inevitable vinculación co feminino, seis caras cadradas con seis cores cada unha: as tres primarias e as súas secundarias, cores ás que nos vinculamos emocionalmente. Mulleres galegas, loitadoras e libres transitan cada cara do hexaedro, cada cadrado que simboliza o humano e polo tanto os límites do mesmo. Dualidade coa que nos queda outra que convivir pero tamén tentar superar.

A persoa que observa pode manipular a obra de xeito que modifique a súa forma, estrutura, facéndoa máis ou menos estable;que predominen unhas cores sobre outras, facéndose máis presente ou ausente dalgún xeito esa muller, que avanza inevitablemente…”

Exit mobile version