O Burela FS Pescados Rubén aproveitou a súa gran oportunidade para recortar distancias coa primeira praza de Primeira División RFEF. A clara vitoria desta mañá ante o Viaxes Amarelle FSF (7-0) deixa ás pupilas de Quico Otero a tan só un punto do líder, Atlético de Madrid Navalcarnero (53 puntos), que caeu onte na pista doutro galego, o Valdetires FSF (6-5). Este resultado tamén lles permite ás mariñás ampliar a súa distancia co terceiro, Ciudad de Alcorcón (47 puntos), a 5 puntos despois do empate das madrileñas co Ponte Ourense (3-3).
O conxunto laranxa deixou patente a súa autoridade desde a entrada na pista. Antes de cumprirse o minuto e medio de xogo, un mísil de Peque subiu ao electrónico logo de pegar no largueiro e coarse pola parte interior da liña de meta. Poucos segundos despois, Bea Mateos ampliou distancias desde a banda cun disparo alto directo á rede. Pediu tempo o Viaxes Amarelle para frear a avalancha local, aínda que sen éxito. O Burela FS seguiu medrando en ataque e perigo. Foi entón, no minuto 7, cando as coruñeas optaron polo xogo de cinco, con Mus como acicate; ata o minuto 12, Jozi tan só tivo traballo nun par de ocasións, nun lanzamento afastado de Monchi (minuto 9) que chocou contra o pau e nunha xogada de Cruz (minuto 12) á que se adiantou a meta burelense. Con todo, as mariñás seguiron contando con máis tentativas envelenadas; logo dun par de persecucións de Peque e outra entre Lara e Bea, Lara finalizou o 3-0, nun disparo cruzado que pegou no segundo pau e entrou (minuto 14). O esférico pasou rozando a porta baleira do Amarelle nun par de ocasións chegando ao minuto 16 e no 18 Daniela non deixou escapar as fendas do xogo de cinco para anotar o 4-0, a pase de Peque. Finalizou o Amarelle con porteira xogadora, sen opción de reducir distancias.
A liga de Primeira retomará a competición o 15 de marzo; as burelistas desprazaranse á pista do pechacancelas, AE Vallirana (19.00 horas).
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Claudia, Peque, Lidia, Bea, cinco inicial; tamén xogaron Daniela, Lara, Cris, Silvia Rubal, Patri
Viaxes Amarelle FSF: Leticia, Dolo, Mus, Cruz, Lucía Gómez, cinco inicial; tamén xogaron Monchi, Patri, Sheila, María Gómez
Goles: 1-0, minuto 1, Peque; 2-0, minuto 2, Peque; 3-0, minuto 14, Lara; 4-0, minuto 18, Daniela; 5-0, minuto 31, Daniela; 6-0, minuto 35, Monchi (p.p.); 7-0, minuto 40, Lidia Mesías
Árbitros: Villanueva Blanco // Franco Veiga (Galicia)
Tarxetas: Por Amarelle amarela a Mus (minuto 4), Lucía Gómez (minuto 10), Sheila (minuto 32), Cruz (minuto 40)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 20ª da Primeira División RFEF. Pavillón Vista Alegre de Burela, 400 espectadores.