Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro interésase polo reparto de cotas da xarda e do xurelo e pola videovixilancia contra o furtivismo

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, interesarase na sesión prevista para este mércores da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, polo reparto de cotas das principais especies peláxicas, isto é, da xarda e do xurelo no caladoiro nacional do cantábrico.

A iniciativa debaterase un día despois da reunión prevista entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e os representantes do cerco para abordar o reparto da xarda. O voceiro popular quixo facer hoxe un chamamento ao diálogo e responsabilidade entre o conxunto do sector, para que supere as súas diferenzas, ante a necesidade de acadar un acordo co que se evite perder a campaña deste ano.

O voceiro popular lembrou tamén que, no caso da xarda, tras dous meses de negociacións foi posible acadar un acordo con Noruega que incrementa en máis do dobre a cota inicialmente prevista e lembrou que agora corresponde ao sector establecer o plan de xestión que queren aplicar en Galicia para o reparto das posibilidades de pesca.

Furtivismo
O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro vén de formular unha pregunta na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, para coñecer as previsións que manexa o Goberno galego en relación coa posta en funcionamento, de xeito experimental, do proxecto Videoguard, isto é dun sistema de videovixilancia intelixente para a prevención e persecución da pesca e do marisqueo furtivos.

Neste obxectivo veñen colaborando tanto a Consellería do Medio Rural e do Mar, a Consellería de Economía e Industria, como tamén a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Segundo parece o sistema permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas en horario diurno e nocturno. En ambos casos procederá a gravación das imaxes, análise da información e ante a detección dunha posible infracción, traslada a alarma ao centro de control en tempo real.

Sen lugar a dúbidas estamos ante un sistema que, unha vez avaliado, contribúe a reforzar o operativo de resposta ante a problemática do furtivismo, neste caso, da man de solucións tecnolóxicas impulsadas pola Xunta de Galicia.

Exit mobile version