Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela, nova parada da exposición itinerante dos premios ‘Alma da Artesanía’

Burela, 3 de marzo de 2014 | A exposición dos premios “Alma da Artesanía” clausura este luns a súa estadía na Oficina de Turismo de Ribadeo, para continuar a súa viaxe pola mariña lucense. Este luns, día 3 de marzo, inaugurouse a mostra na Casa da Cultura de Burela nun acto aberto ó público.

Os visitantes que se acheguen a coñecer esta proposta de calidade poderán contemplar de xeito gratuíto as creacións dos artesáns que foron recoñecidos nestes galardóns. Forman parte da mostra os dous gañadores do certame: na categoría de Artesanía Tradicional, a peza “Berce” do carpinteiro Miguel Fernández e na de Artesanía Contemporánea, “Acollemento” da ceramista Pilar Rei.

Tamén están expostas as obras dos artesáns que se fixeron coas mencións dos “Premios Adquisición”: Dolores Trasancos, por “Anfora Rachada”; María del Carmen López, por “Anfora Arqueoloxía”; Pilar Elvira Felipe, por “Medusa”; Francisco Fraga, por “Lámpada Cubos” e Hilario Rubal García, por “Xoias Terrón de Azucre”.

“Alma da Artesanía” chega a Burela despois de pasar por Foz e Ribadeo. Xa na primavera viaxará a Mondoñedo e Cervo. A exposición forma parte do conxunto de iniciativas que se recolle no convenio asinado en xullo entre a Axencia Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, para promocionar a zona.

Exit mobile version