Cervo, 24 de marzo de 2014- A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, informa de que o Concello abre este luns, e ata o 24 de abril, o prazo de inscrición para o XXXI Día do Xubilado que se celebrará como todos os anos o 1 de maio. Esta tradicional xornada inclúe unha misa solemne no pavillón municipal da Veiga e un xantar-baile de convivencia coa orquestra Son de Vigo que se ofrecerá na praza dos Campos baixo unha carpa climatizada. Da mesma maneira, para facilitar que poidan acudir todas as persoas que o desexen, a Concellería porá en marcha, como xa é habitual, un servizo de autobuses que percorrerá as parroquias do municipio.
As persoas interesadas en participar nos actos previstos para esta data teñen que acudir á Casa do Concello ou á Casa da Cultura e entregar a fotocopia do DNI do solicitante e, de ser o caso, tamén o do cónxuxe, así como a fotocopia da cartilla de pensionista do solicitante.
Hai que ter en conta tamén que existen uns requisitos para acudir a esta celebración, como son ser pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez ou viuvez; poder valerse por si mesmo e estar empadroado no Concello de Cervo.
Pilar Armada asegurou que “esta cita é moi importante para todos os xubilados de Cervo, que agardan a chegada deste día como unha xornada de encontro, para compartir o seu tempo cos demais, pero tamén para o Concello, xa que con el queremos ofrecer unha homenaxe aos nosos veciños”.
Da mesma maneira, a delegación de Servizos Sociais porá en marcha un programa complementario de actividades que incluirá excursións dirixidas a este mesmo colectivo. Os destinos, os detalles e os prazos de inscrición daranse a coñecer nas próximas semanas.