Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinco establecementos da Mariña incorporan a Q de calidade turística co apoio de Turismo de Galicia

050314 Q de calidade do Hotel O CabazoRibadeo, 5 de marzo de 2014.- A delegada territorial, Raquel Arias, destacou este mércores que cinco establecementos da Mariña veñen de lograr a certificación de Q de Calidade Turística, para o que contaron co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia.

Arias subliñou que estes establecementos recibiron axudas do Executivo galego a través da liña de axudas posta en marcha polo departamento turístico para a modernización e mellora de instalacións en hoteis, restaurantes, albergues turísticos e empresas de servizos turísticos complementarios, así como para a certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística.

A delegada territorial visitou este mércores o Hotel O Cabazo, no municipio de Ribadeo, onde mantivo un encontro cos responsables deste establecemento, un dos negocios que ven de lograr a certificación que ofrece o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

Precisamente no concello ribadense atópanse tres dos establecementos que incorporan a Q de calidade, posto que tamén a empresa de Turismo activo Hola Ola de Mar e Casa Doñano veñen de lograr esta certificación. No conxunto da comarca, o Hotel Rural A Finca (Barreiros) e Finca Galea (Alfoz) son as dúas iniciativas empresariais que incorporan este recoñecemento.

Así mesmo, Arias indicou que na Mariña, outros 10 negocios e centros reciben achegas mediante a liña disposta pola Axencia Turismo de Galicia para a renovación e seguimento da certificación de Q de Calidade Turística. En concreto, nesta comarca reciben estas axudas: Finca O Bizarro (Trabada), Hotel Rústico Casa Franco (Alfoz), Hotel Vila do Val (O Valadouro), Anatur (Cervo) e Club Náutico (Ribadeo), Casa da Torre, Roq Sports e Hotel Ego (Viveiro) e Finca Goleta e Rincón de Anita (Foz).

A delegada territorial valorou “o esforzo e o compromiso do Executivo galego para a modernización e dinamización do sector turístico desta zona” e significou que con estas novas incorporacións, o número de establecementos e centros da comarca coa certificación de Q de calidade turística sitúase “en 22, o que representa preto da metade do total da provincia de Lugo”.

En xeral, Arias considerou tamén importante que esta convocatoria de axudas representa “un novo impulso” para o sector da hostalería e restauración da provincia de Lugo. De feito, neste territorio concéntranse boa parte das axudas distribuídas na comunidade, grazas a previsión de discriminación positiva de conformidade cos obxectivos do plan ImpulsaLugo, polo que o baremo contemplou maior puntuación para as iniciativas procedentes desta provincia.

O Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe entre as súas liñas estratéxicas unha liña orientada ao fomento do talento e ao aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente. Nesa liña encádrase unha acción dirixida á mellora na xestión e na innovación do sector que implica a implantación de sistemas de xestión como aposta clara para aumentar o grao de competitividade do sector turístico. Por este motivo, proponse o apoio á implantación de distintos sistemas de xestión que avalen un sistema turístico de calidade.

Exit mobile version