Site icon Crónica3.com A Mariña

COGAMI inicia curso de formación profesional a distancia no que se forman 17 persoas, a maioría mulleres do rural

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia curso de formación de Técnicas administrativas de oficina a distancia no que participan 17 persoas, 15 mulleres e 2 homes. Todos estes participantes cumpren cos requisitos básicos para formar parte deste curso: todos proceden de ámbito rural, teñen dificultades de acceso a unha formación presencial por mor da falta de transporte, problemas de mobilidade ou de distancia cos lugares onde se imparte a formación presencial e, a maioría, son mulleres.

Este curso está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

Cunha duración de 300 horas lectivas, co que rematará no mes de maio, este curso vaise impartir a través da plataforma Moodle e contará cunha profesora que contactará vía chat con cada alumna/o durante os horarios que xa se establecen ao comezo das clases. Será durante estes contactos cando se expresen as dúbidas e cando se envíen as tarefas que teñen que realizar.

O alumnado procede dos seguintes concellos, segundo provincia:
A Coruña: Oleiros, Betanzos, Monfero, Ortigueira, Noia, Ames, Boiro
Lugo: Vilalba, Láncara, Lugo
Ourense: Xinzo de Limia, A Peroxa, Ramirás
Pontevedra: Caldas de Reis, Fornelos de Montes, O Porriño, Tomiño

A temática que van ter que asimilar consiste en técnicas de comunicación, xestión comercial e laboral, sistema operativo e Internet, procesador de textos e folla de cálculo.
Con este tipo de accións formativas, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade inténtase que o colectivo que representa estea preparado para inserirse no mercado laboral e conseguir, finalmente, a súa inserción dentro da sociedade.

Exit mobile version