Site icon Crónica3.com A Mariña

Compromiso por Galicia iniciou o proceso de primarias na capital lucense para elixir ao cabeza de lista de cara aos vindeiros comicios europeos

A organización galeguista vén de poñer en práctica a democracia participativa sendo exemplo deste proceso novidoso na política galega no que se elixirá o/a candidato/a de cara ás vindeiras eleccións europeas do 25 de maio, o que constitúe un paso adiante nun momento no que a cidadanía está cada vez máis lonxe da política.

A xornada de primarias en Lugo transcorreu con normalidade no Hotel Méndez Núñez, no que os catro candidatos que rivalizan por encabezar a lista de Compromiso por Galicia tiveron a oportunidade de presentarse e expoñer as súas ideas de cara ao proceso electoral, no que participaron tanto afiliados como simpatizantes e cidadanía en xeral, que sen vinculación directa á organización, puido apuntarse para participar, así como realizar unha quenda de intervencións para preguntar aos candidatos.

Os participantes elixiron entre catro candidatos: Teba Conde, da agrupación local de CxG en Teo; Paulo Carlos López, ex secretario xeral das xuventudes de CxG; o ourensán Xosé Mosquera, profesor de Dereito Constitucional da UVigo; e cómpre destacar a participación de Pablo Penedo, coruñés e non afiliado á organización.

Todos eles puxeron en valor a posibilidade de participar no proceso de primarias abertas á cidadanía de cara á promoción dunha nova cultura política, lonxe de hermetismos partidarios e organizativos, e apelan á cidadanía a reclamar espazos de participación directa na toma de decisións políticas que afectan á sociedade.

Exit mobile version