Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Contos de pícaros, imaxinando o tren’ é o obradoiro creativo interxeracional que comezará o 22 de marzo en Ribadeo

Ribadeo, 6 de marzo de 2014. O Concello e MAUmarela organizan un obradoiro creativo interxeracional Contos de pícar@s. Imaxinando o tren para nenos e nenas a partires de 8 anos, que se desenvolverá durante tres sábados ao longo deste mes de marzo e o luns, martes e mércores de semana santa.

A concelleira de Educación, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “se trata de conmemorar o aniversario do que foi o tren mineiro de Vilaodriz a Ribadeo. O 24 de maio fará cincuenta anos que deixou de funcionar. É un proxecto feito a través de Mau Marela, que o presentaron aos distintos concellos polos que pasaba este tren mineiro, como A Pontenova, San Tirso, Vegadeo e Ribadeo. Polos outros Concellos xa pasou esta actividade e agora tócalle a Ribadeo continuar ese percorrido e chegar ao final do traxecto”.

A edil nacionalista sinalou que “cando nos chegou esta proposta pareceunos moi interesante por todo o que supuxo de motor económico para Ribadeo, de comunicación entre as distintas aldeas e os distintos pobos, de medio de transporte das persoas, de relacións humanas e un recoñecemento a esa memoria histórica que perviviu entre nós e que grande parte do que somos hoxe depende do que fomos hai uns anos”.

Álvarez Lastra indicou que “o que queremos é que os nosos rapaces e rapazas teñan un coñecemento do que supuxo todo isto. O proxecto é ambicioso, trátase de adquirir este coñecemento e de compartir experiencias con esas persoas que viviron ou traballaron ou tiveron experiencias arredor do tren. Convidamos a todas as persoas da nosa vila, do noso concello, para participar neses talleres, así será moito máis enriquecedor todo este proxecto”.

O obradoiro desenvolverase os días 22 e 29 de marzo e 5 de abril (sábados) de 17 a 19 horas. E os días 14, 15 e 16 de abril de 10 a 14 horas. A cita inclúe excursións arredor da antiga vía do tren mineiro, charlas e xogos, fotografía, debuxo e pintura, escritura creativa e encadernación artesanal dun libro. As pícaras e os pícaros que acudan a este obradoiro serán parte dun proxecto expositivo e crearán un libro que será publicado pola Deputación de Lugo.

Os interesados en participar deben inscribirse na OMIX, na Casa da Xuventude. O número de prazas é limitado a 20. A concelleira de Educación manifestou que “nós puxemos como idade a partires dos 8 anos para intentar unificar criterios e que os traballos teñan un formato equitativo. Si hai nenos e nenas de menor idade que teñan inquedanza por ir que se apuntan, porque si quedan prazas baleiras podería baixarse o tramo de idade. Queríamos poñer unha marca e tentar aglutinar arredor dos 8 anos”.

O obradoiro é gratuíto, “é algo diferente do que se está a facer, é algo divertido e ademais os nenos e as nenas participantes levarán o seu material todo recollido, ao ter algo de seu sempre lles fai moita ilusión. E ao participar na exposición conxunta final de todos os Concellos será moi enriquecedor porque coñecerán a outros rapaces e rapazas e tamén as súas experiencias”.

Contos de pícar@s. Imaxinando o tren será impartido pola cooperativa de ensino MAUmarela. Guillermo Fernández subliñou que “o que se cruzará serán os encontros entre os nenos e os maiores, aqueles que si viviron o tren. Deles sae a materia para crear o libro xigante e tamén o que publicará a Deputación de Lugo e que recollerá todo o proceso deste obradoiro”.

Desde MAUmarela lembran que “os pícaros de cada concello imaxinan as diferentes partes da historia e contarana desde a súa estación ata a seguinte. Os de San Tirso de Abres retomaron a historia onde a acabaron os de A Pontenova, os de Abres (Vegadeo) onte remataron os de San Tirso e así ata chegar a Ribadeo, onde se elaborará o desenlace final da historia”.

Exit mobile version