Site icon Crónica3.com A Mariña

“Conversas com Isaac Alonso Estraviz” de Bernardo Penabade, o vindeiro mércores en Foz da man da Pomba do Arco

LibroEstravizA Asociación cultural A Pomba do Arco quere convidar a toda a xente interesada no mundo da cultura galega á presentación do libro de Bernardo Penabade Rei titulado Conversas con Isaac Alonso Estraviz.

Durante varios anos o investigador Bernardo Penabade estivo a manter un longo diálogo co lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz, como froito destas conversas nacerá o libro que se vai presentar o próximo mércores, día 2 de abril, ás 20.30 na Casa da Cultura Manuel María de Foz.

Como todo o mundo sabe Alonso Estraviz é o responsable e coordinador do dicionario máis completo de galego portugués pero da man deste libro poderemos coñecer mellor ao profesor, o activista, ao estudoso grazas ao traballo de compilación realizado polo investigador Bernardo Penabade. Por fin a figura de Estraviz abandona os círculos privativos nos que se movía e se nos achega ao gran público. Para levar a cabo esta tarefa contamos con Bernardo Penabade.

Bernardo é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela así como tamén é licenciado en Filoloxía Hispánica.

Dende o ano 2003 ocupa o cargo profesor de lingua e literatura galega no IES Perdouro de Burela no que coordina dende o ano 2008 o único modelo de planificación lingüística aprobado por unanimidade por un concello e denominado Modelo Burela.

Aparte da súa labor educativa ten participado en numerosos congresos con ponencias sobre lingüística, sociolingüística e didáctica, tamén se poden ler moitos dos seus traballos nas revistas Agália, A Nosa Terra e Novas da Galiza.

Este libro que vai presentar o día 2 non é o primeiro no que se toca o xénero das entrevistas pois no ano 2002 publicou outro titulado “Xavier Alcalá, escritor y primer presidente de la AGAL”.

Tendo en conta que a figura de Isaac Alonso Estraviz é de por si moi interesante e de que o seu entrevistador Bernardo Penabade ten o saber necesario para levar a cabo este tipo de entrevistas somos conscientes que o libro que se vai presentar o día 2 ás 20.30 na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz se vai a converter nun libro de referencia e nun elemento necesario da nosa cultura galega.

Exit mobile version