Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados acusan ao PP de estar “cego, mudo e xordo” ante o clamor popular que demanda un trato xusto

A Mariña, 5 de marzo de 2014. Emigrantes Retornados da Mariña que asistiron á manifestación celebrada na mañá deste mércores na Coruña manifestaron o seu estupor pola cegueira e xordeira dos gobernos galego e estatal ante o clamor popular que demanda un trato xusto para o colectivo. Afirman que dentro do colectivo hai votantes do Partido Popular que dificilmente repetirán o seu apoio a unha formación política que os trata como delincuentes fiscais e que mesmo ningunea ás ducias de concellos galegos, con alcaldías de todas as cores políticas, que por unanimidade apoiaron as súas reivindicacións.

O grupo de emigrantes retornados mariñaos que acudiu na mañá deste mércores á manifestación da Coruña, convocada pola Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados para presentar milleiros de sinaturas de apoio e unha carta dirixida ao ministro Montoro na Delegación Estatal da Axencia Tributaria, pediron unha vez mais solucións e o cese da persecución iniciada polo ministerio de Montoro contra eles.

Na parte do manifesto lido polo colectivo mariñao ao final da mobilización, acusaron á Conselleira de Facenda da Xunta de Galiza de dedicarse a mandar cartas ao ministro “que non teñen ningún efecto”, mentres o Presidente Feijoo “non sabe, nin contesta” e mentres o Ministerio continúa reclamando con outras cartas “intereses de demora e sancións” que prometeron reducir e non cumpriron.

A emigrantes retornada da Mariña que deu lectura ao manifesto, Elena Vázquez, afirmou que “somos emigrantes retornados con moitos anos ás costas de duro traballo na emigración e, non nos asustan as dificultades, tivemos que saír fora para traballar e mandamos divisas que serviron para mellorar aquí a economía, agora cando volvemos mal infórmannos e róubannos os aforros que podiamos ter para unha vellez tranquila”. Da mesma maneira que tivemos que marchar e resistimos moi lonxe da familia, resistiremos a persecución á que agora nos someten.

Exit mobile version