Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña manifestaranse este mércores na Coruña co resto das plataformas galegas

A Mariña, 3 de marzo de 2013. O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña acudirá o próximo mércores 5 de marzo á Coruña para manifestarse xunto co resto das plataformas galegas e reclamar o cese do inxusto tratamento ao que nos está a someter a Facenda española. A manifestación terá inicio na Praza de Vigo e rematará na Rúa Comandante Fontanes fronte á Delegación Estatal da Axencia Tributaria onde se fará entrega de milleiros de sinaturas de apoio recollidas e unha carta dirixida ao Ministro Montoro coas reclamacións defendidas polos colectivos de emigrantes retornados e que aínda non foron atendidas.

Emigrantes Retornados da Mariña insiste en que “mentres o Partido Popular, sustento dos gobernos galego e estatal, siga empeñado en perseguirnos e desatender as nosas demandas nós somos libres para actuar en consecuencia”, afirman que “a persecución e o desprezo que estamos a recibir dos dirixentes deste partido terá unha resposta directamente proporcional nas rúas e nas furnas”

O colectivo fixo fincapé en que “a nós ninguén nos regalou nada, senón que é froito de anos de traballo na sempre dramática emigración”, “vímonos na obriga que emigrar como hoxe o volve facer a nosa descendencia e agora na volta, fomos enganados e roubados pola facenda española que nos trata como se fóramos delincuentes”

“Somos vítimas, como o é a maioría social dun saqueo organizado”, onde ao contrario do que debera ser, “pagan xustos por pecadores e a crise que padecemos non a paga quen a provocou senón quen menos ten”. Hoxe por desgraza as nosas, en xeral, pequenas pensións serven para manter a moitas familias golpeadas polo paro, si aínda facendo de colchón social temos que atender multas, intereses e a inxustiza de dobres tributacións fiscais xa pouco nos queda por perder.

Exit mobile version