Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez critica a “ralentización que están a sufrir na Xunta os expedientes de rehabilitación presentados por moitos particulares do casco vello de Ribadeo”

Ribadeo, 14 de marzo de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, critica á Xunta de Galicia por non axilizar os expedientes de rehabilitación presentados por moitos particulares do casco vello de Ribadeo e lembra que seguen sen asinarse os convenios dos ARIS. O rexedor ven de enviarlle sendas comunicacións ao IGVS e á Dirección Xeral de Urbanismo para que esta situación se solvente.

O rexedor dixo “desde o Concello, e neste caso que nos ocupa, tentamos facer as cousas ben, tentamos actuar de xeito exemplar e eu penso que poucos gobernos onde teñan cascos históricos se están afanando tanto para lograr a súa rehabilitación integral e para lograr que sexa un motivo de orgullo para todos os veciños e veciñas e para todos os visitantes e que sexa unha fonte de riqueza pola calidade turística que isto supón, o feito de ter un casco vello vivo e rehabilitado”.

Fernando Suárez indicou que “xusto neste momento de crise no sector da construción aquí en Ribadeo estase a ver un movemento de rehabilitación moi importante, ben pola incidencia directa do Concello, ben pola boa fe e responsabilidade de propietarios de vivendas, estamos a ter un problema coa administración autonómica”. O alcalde subliñou que “non axiliza os expedientes administrativos, senón todo o contrario xa que os ralentiza ata a desesperación dos propietarios e do propio Concello. Son informes preceptivos que teñen que emitir en Patrimonio, desde Lugo mándanos á comisión dos camiños a Santiago e aí se perde durmindo o soño dos xustos, e hai expedientes aos que estamos pendentes de darlles licenza de obra desde hai catro ou cinco meses”.

O rexedor ribadense referiuse tamén “á ausencia da sinatura dos novos convenios de rehabilitación, destes que se asinan entre o ministerio, a Xunta e os Concellos, tal e como veu ocorrendo nos últimos doce anos. E a día de hoxe moita xente, de boa fe ou instigada polo Concello, quere rehabilitar, quere acollerse ás axudas que sempre se deron, pero como a Xunta non ten asinado este convenio nin con este Concello nin con outros, a día de hoxe non lles podemos ofrecer estas axudas ás que lexitimamente terían dereito”.

Suárez Barcia engadiu que “de aí que lle estamos enviando unha comunicación aos responsables do IVGS e ao director xeral de Urbanismo para que, dalgunha maneira, axilicen isto porque é intolerable que a administración autonómica, como noutras cousas, vaia a rebufo do Concello de Ribadeo”.

Exit mobile version