Site icon Crónica3.com A Mariña

“Gran paso de Burela cara ó futuro” coa aprobación definitiva do PXOM que “plantexa solucións para os retos da vila”

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 31 de marzo de 2014. Na mañá de hoxe, o conselleiro de Medio Ambiente, Transportes e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, xunto con José María González Barcia, alcalde de Burela, asinou no salón de plenos da Casa do Concello a orde de aprobación definitiva do Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), primeiro documento de planeamento urbanístico propio co que conta Burela.

Acompañaron ao conselleiro e ao alcalde, a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, así como os membros do equipo de goberno. Ao acto asistiron unha trintena de veciños e veciñas.

Na súa intervención, o alcalde burelés, José María González Barcia, afirmou que “a aprobación definitiva do PXOM é sen dúbida o gran paso que Burela tiña que dar cara ao futuro, porque ata o de agora moitas das materias pendentes que temos no Concello non se podían solucionar dado que non había un instrumento de planeamento urbanístico axeitado e que, ao mesmo tempo, dera seguridade xurídica”.

O alcalde manifestou que “o PXOM atende a intereses xerais, como non podía ser de outro xeito; pero ao mesmo tempo tentamos atender tamén, total ou parcialmente, aos intereses individuais dos veciños de Burela, como o demostra o dato de que aceptáramos o oitenta por cento das alegacións presentadas. Facer un PXOM que atenda aos intereses xerais e que contente ao cento por cento da poboación é, na práctica, imposible”.

“Agora sí, agora sí vamos contar co instrumento necesario, que recolle solucións para unha morea de asuntos pendentes: ampliación do Hospital; solo dotacional para servizos educativos e sociais; solo industrial; apertura de novas bolsas de solo urbano non consolidado e urbanizable; corrección da afectación da actual variante, etc”, asegurou González Barcia.

O alcalde burelés amosou a súa satisfacción por ter feito e rematado este traballo: “facer e rematar este traballo creo que vale por todo o mandato municipal, dado que a partires de agora, tanto esta Corporación coma as futuras, e tamén a administración autonómica, poden abordar asuntos que ata o de agora non tiñan encaixe dentro das normas subsidiarias de hai máis de vintecinco anos”.

Barcia agradeceu o apoio prestado desde a Secretaría Xeral de Urbanismo, “desde a propia secretaria xeral ata o persoal subalterno”. E, máis concretamente, agradeceu o apoio prestado polo propio conselleiro: “cada vez que nos víamos, me preguntaba polo PXOM e me metía presa, ao que eu correspondía pedíndolle tamén presa. O certo é que aprobamos inicialmente o PXOM o 1 de marzo de 2012, e dous anos despois temos o documento aprobado definitivamente, e iso se non é un récord acércaselle moito”. Barcia engadiu que “hai que agradecerlle á Xunta de Galicia o seu apoio, dado que o propio presidente, Alberto Núñez Feijo, tenme preguntado máis dunha vez polo Plan Xeral”.

O alcalde de Burela engadiu que “para que todo este traballo fose posible, houbo un grupo de persoas que se implicaron a fondo: o equipo redactor, por suposto; os técnicos e persoal municipal que lle dedicaron moito tempo ó PXOM, mesmo fóra do seu horario laboral; os concelleiros do goberno municipal, especialmente o concelleiro de Urbanismo, Manuel Fernández Valle; tamén a oposición, dentro do que cabe, tentou facer achegas. A todos eles, o máis sincero agradecemento, en nome propio e de toda a cidadanía de Burela”.

Antes da sinatura da orde de aprobación definitiva do PXOM, Agustín Hernández asinou no Libro de Honra do Concello de Burela, e departiu con González Barcia no despacho da Alcaldía.

Exit mobile version