A iniciativa desenvolta pola Deputación suma cada ano unha maior participación, sendo nesta ocasión 97 os colexios e 10.000 os alumnos implicados. O organismo provincial facilitou ós centros escolares diverso material didáctico co que os rapaces traballaron ó longo desta semana. Concretamente, recibiron o conto “O Tesouro das Terras do Miño”, unha guía docente para o profesorado e unha árbore para plantar hoxe no centro.
López Izquierdo animou ós alumnos do CEIP de Parga a protexer o medio ambiente e a facerse responsables da plantación e coidados da súa árbore. A Deputada salientou que con estas actividades, o organismo provincial divulga entre a sociedade a importancia de dous dos maiores recursos naturais da provincia: as árbores e a auga.
As actividades promovidas pola Deputación con motivo desta efeméride remataron cunha plantación simultánea en toda a provincia dos loureiros facilitados polo organismo provincial ós colexios participantes. López Izquierdo e Regina Polín plantaron cos alumnos do CEIP Santo Estevo de Parga o seu exemplar, que os nenos bautizaron e regaron por primeira vez.