Site icon Crónica3.com A Mariña

Marzo en Lila, calendario de actividades do Concello de Ribadeo para conmemorar o Día Internacional da Muller

Ribadeo, 6 de marzo de 2014. As Concellarías de Cultura, Igualdade e Mocidade organizan, coa colaboración dos centros de ensino da vila, diversas actividades para celebrar o día internacional da muller. O calendario, que arrinca mañá, denominase Marzo en lila.

A edil Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “desde as institucións municipais e desde os centros de ensino queremos facer unha campaña de sensibilización a prol da igualdade de xénero. Non podíamos deixar de conmemorar o 8 de marzo, esa loita das mulleres para conseguir os dereitos que hoxe en día temos adquiridos, mulleres loitadoras, de todos os sectores ámbitos, que día a día puxan pola nosa sociedade”.

As actividades programadas no Marzo en lila dan comezo mañá, 7 de marzo, cun contacontos para infantil organizado e programado polo 2º curso do ciclo superior de técnico en educación infantil, do CIFP Porta da Auga. Segundo explica a concelleira de Igualdade”trátase de participar nun contacontos baseado na igualdade de xénero. Este xirará entorno ao Libro dos Porcos de Anthony Browne e está destinado a todos os alumnos e alumnas de infantil dos dous colexios de Ribadeo. Haberá actividades e xogos non sexistas ao longo de sesións que terán unha duración duns 60 minutos”.

O 20 de marzo terá lugar outro contacontos O ratiño presumido a cargo da compañía teatral Trinketrinke. Mariluz Álvarez Castro dixo que “esta representación tamén estará dirixida ao alumnado de educación infantil. Ás 12 da mañá será no colexio Gregorio Sanz e ás 16 horas no Sagrado Corazón de Xesús”.

En educación primaria os rapaces e rapazas de 6º curso dos dous colexios participarán do 24 ao 29 de marzo nun obradoiro de manexo e creación de espectáculos de títeres baseados na igualdade de xénero. Será impartido pola actriz barreirense Comba Campoy “que traballará cos nenos e nenas na realización de sketchs teatrais breves que logo terán que representar. Desta forma poden aprender, falar, discutir e avanzar nos valores da igualdade e non discriminación cara as mulleres dunha forma amena, didáctica e moi efectiva”.

Álvarez Lastra engadiu que “despois para a poboación en xeral e co obxectivo de conmemorar o día internacional da muller haberá unha obra de teatro no auditorio municipal Hernán Naval o vindeiro 16 de marzo ás 20:30 horas. A compañía Abrapalabra Creacións Escénicas porá en escena a obra As do peixe, de Cándido Pazó. É unha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva, baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas a partires dos anos setenta e contada desde o momento actual. Elas tratarán de rememorar o seu pasado laboral e o de tantas mulleres que, despois de que a fábrica de conservas máis importante da vila pechase, despois de moitas e desenganos, atopáronse sen traballo e sen posibilidades reais de volver recuperalo”. O prezo das entradas será de 3,5 euros para desempregados e estudantes e de 5 euros para o público en xeral.

A concelleira de Igualdade contou que “ese día e ao longo de toda a semana os alumnos de plástica do IES de Ribadeo, ao igual que xa fixeron unha intervención no Entroido, na entrada do auditorio exporán unha mostra dos seus traballos relacionados con día internacional da muller traballadora”.

Mariluz Álvarez Lastra convida “a todos e a todas os que o desexen a participar con nós nestas actividades e que nos propoñan iniciativas para levar adiante. Agradecer a participación de todos os centros educativos de primaria e secundaria do noso concello para organizar e levar adiante este tipo de tarefas de sensibilización e coeducación. É moi importante ir concienciando á cidadanía de moitas das cousas que están a pasar hoxe en día”.

Exit mobile version