Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo reitera o seu compromiso con Sargadelos e anima a outras administracións como a Deputación a axudar

Cervo, 12 de marzo de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, reiterou este mércores o seu compromiso coa planta lucense de Cerámica de Sargadelos, situada en Cervo. O rexedor manifestou a súa preocupación pola situación que vén atravesando a factoría. “Dende o Concello estamos tentando procurar axudas, contactando coas administracións públicas sempre dentro das súas posibilidades e sen esquecer que Sargadelos é unha empresa privada” asegura o mandatario cervense.

Villares lembra que hai tres anos a Xunta axudou a esta empresa achegando 1 millón de euros. “Nós continuamos pedindo medidas de apoio para Sargadelos a todas as administracións, tamén á Deputación Provincial, tendo en conta que a planta de Sargadelos se atopa no ámbito da súa competencia, a provincia de Lugo”, engade o primeiro edil.

Do mesmo xeito o rexedor lembra que hai uns meses o Concello xa trasladara unha proposta ao Goberno Provincial para colaborar coa empresa. A proposta consistía en que a Deputación axudase a Sargadelos cos 3 millóns de euros que tiña pensado gastar na fallida compra do Torques de Burela e outras pezas. “É cuestión de vontade política. Os cartos están aí. Se a Deputación ve conveniente investir 3 millóns de euros no Torques de Burela pero non en axudar a Sargadelos, é decisión súa” manifesta.

Exit mobile version